O obxectivo é manter a produción na mariña e salvagardar o emprego, segundo apuntou a administración autonómica.
A Xunta comprometeuse este mércores na segunda reunión da mesa industrial de Vestas -que se celebrou en Santiago de Compostela- a levar a cabo “unha busca activa” de compradores que queiran adquirir a factoría de Viveiro, en aras de manter a actividade económica e o emprego desta compañía, unha alternativa para a que agarda contar coa participación do Executivo central. O Goberno galego propuxo esta alternativa para evitar o peche definitivo da fábrica, despois de que a empresa rexeitara as axudas económicas que a propia Xunta como o Estado ofreceron , ben a través de préstamos con carencia de interese “moi baixo” ou por medio de axudas a fondo perdido para apoiar a transformación industrial da fábrica co único obxectivo de manter a produción e os postos de traballo.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana -que acudiu á reunión acompañada polo director do Igape, Fernando Guldrís, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias- lamentou que a empresa se negara a optar a estas axudas destacando que “non teñen intención de levar a cabo ningún plan de reindustralización na factoría”. Neste senso, Lorenzana explicou que a empresa ofreceuse a traballar “soamente” no seo da mesa laboral, nun plan de mantemento de parte da actividade que se centraría no ámbito da formación e dos servizos.
Con respecto á busca de posibles compradores, a empresa comprometeuse, entre este mércores e o xoves, a trasladarlle á Xunta a información que lle solicite para poder facer un estudo. “Traballaremos todo o axiña posible para a busca dun comprador, xa que os prazos do ERE son moi axustados porque o 28 de outubro remata o prazo de tramitación”, subliñou a conselleira. Antes de que remate este prazo, a Xunta convocará outra reunión da mesa industrial.
Á segunda mesa industrial, convocada pola Administración autonómica e celebrada hoxe, tamén acudiron representantes do Goberno central, da empresa, do comité de empresa e dos sindicatos.