jueves, octubre 24, 2024
InicioComarcasBaixo Miño“A Exposición Secuestrada. Estampa Popular Galega. Tui 1968” prorrógase ata o 16...

“A Exposición Secuestrada. Estampa Popular Galega. Tui 1968” prorrógase ata o 16 de novembro en Tui

O río Miño e a Catedral son dous dos lugares onde tivo lugar a gravación hai un ano e a serie documental componse de 13 capítulos

A mostra “A exposición secuestrada. Estampa Popular Galega. Tui 1968” inaugurada o pasado 27 de setembro na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui amplía o prazo de visita do público ata o 16 de novembro. Este aumento débese á vista do éxito de público e ás numerosas petición recibidas ao respecto.

Esta mostra, comisariada por Xosé Enrique Acuña, é froito da colaboración entre o Concello de Tui e Fundación Xavier Pousa. Así mesmo, recupera a exposición orixinal de “Estampa popular galega” que no mes de setembro de 1968 fora prohibida polas autoridades da ditadura franquista. Este suceso tivo lugar tras ser programada no desaparecido Restaurante-Bar Galicia de Tui despois de que previamente percorrera sen especiais problemas outras localidades galegas.

Desde o Concello de Tui, sinala a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, esta exposición ten suscitado un grande interese tanto de público como de medios de comunicación. Ademais da recuperación da memoria democrática local, especialmente ten éxito porque acada o obxectivo de restituír e homenaxear a este movemento artístico e social de Estampa Popular Galega. “Isto é como recoñecemento aos homes e mulleres que promoveron, en tempos de limitacións das liberdades políticas e sociais, a chegada de novos aires que invitaban a olladas diferentes. Tamén á frescura da creación artística, o rexurdimento da vida social e así rachar coa estreiteza e escuridade á que o franquismo nos tiña condenados”, asegura Sonsoles Vicente.

Esta mostra pódese visitar na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica) ata o vindeiro sábado 16 de novembro. O horario é de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e de 15.30 a 20.30 horas. Os sábados abre de 09.00 a 13.00 horas.

Estampa Popular Galega e a exposición en Tui

A Estampa Popular Galega (EPG) foi o movemento artístico de vangarda creado en Galicia en 1968. Neste ano agrupábanse pintores descontentos co réxime franquista e que como norte teórico tiñan a intención de “achegar a arte ao pobo”. Encabezados por Raimundo Patiño e Xavier Pousa, optaron por expoñer a súa obra en lugares populares como feiras, bares ou tabernas. Estas pezas sempre estaban en forma de gravados e con prezos populares. A EPG seguía a estela dunha serie de movementos semellantes que se desenvolveran por toda España desde 1959 e que estiveron sempre impulsados por artistas que se movían dentro da oposición á ditadura franquista.

En Tui, a mostra da Estampa Popular Galega foi secuestrada pola policía franquista baixo a acusación de inxurias ao exército despois de ser programada no Bar-Restaurante Galicia. Os promotores da exposición foron detidos, o pintor Xavier Pousa, foi encarcerado posteriormente, e Elvira M. Villa, quedou logo en libertade. Os dous promotores da exposición, pasaron a ser sometidos a un procedemento aberto pola xustiza militar. Este sería finalmente sobreseído tras transcender esta actuación represiva incluso na prensa europea.

Na exposición se ofrecen gravados de Raimundo Patiño, Lodeiro, Sevillano, Barreiro, Bea Rey, Alfonso Gallego Villa, Pedro Agrelo, Vázquez Diéguez, Xulio Maside e Laxeiro. Tamén os que presentaron Elvira M. Villa, Xavier Pousa e Xosé I. Pedrosa, o autor da estampa que en Tui foi especialmente denunciada por “injurias al Movimiento Nacional”. En paralelo, se ofrecen unha serie de documentación orixinal da EPG e materiais gráficos de contexto que á súa vez están recollidos no catálogo.

A vida da mostra tras o conflicto

Tras a resolución do conflito por parte do xulgado militar eventual de Pontevedra, os gravados incautados foron devoltos aos impulsores da mostra de Tui e pasaron a ser custodiados por Xavier Pousa. Falecido o pintor, a súa viúva, a galerista Carmela Arbones, resgardounos no seu domicilio e durante décadas alí foron salvagardados.

Agora, reaparecen 56 anos despois para ser de novo expostos, coa singularidade de que se amosan tal e como se descubriron. Segundo Xosé Enrique Acuña, comisario da mostra, “se exporán sen agochar nin as súas feridas nin tampouco as cicatrices que padeceron tanto polo seu ocultamento preventivo, como todo aquilo que, sobre elas, causou o paso do tempo” e mais tamén para “abordar a primeira homenaxe a este movemento artístico que se realiza en Galicia”.

O acontecido con esta exposición secuestrada en Tui en 1968 significou o final real do movemento da Estampa Popular Galega. Pousa e Elvira M. Villa, os seus compoñentes principais, sentiron o peso da represión. Tamén sufriron amenazas por parte da Brigada Político-Social, a policía política franquista, na comisaría de Pontevedra e mesmo tras a súa liberdade estiveron continuamente vixiados.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS