Sito na zona de Panascos, dedicaríase á produción de planta ornamental, hortofruticultura e viveirismo.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, desprazouse esta mañá ata o Concello de Tomiño para estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal na zona de concentración parcelaria dos Panascos, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
Así, a directora xeral e técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento, xunto coa alcaldesa, Sandra González, analizaron a zona onde se situaría dito polígono, que se dedicaría á produción de planta ornamental, hortofruticultura e viveirismo. Neste senso, Inés Santé destacou que os polígonos agroforestais constitúen un dos principais instrumentos contemplados na nova norma e subliñou que esta ferramenta voluntaria ten por obxecto a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización.
Ademais, a representante de Medio Rural trasladou tamén que os polígonos -xunto coas aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta- son unha figura concibida para contribuír á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.
Neste senso, cabe lembrar que a parcelaria dos Panascos -finalizada no ano 2009- ten unha superficie total de 534 hectáreas, propiedade de 1.150 veciños. Debido ao elevado grado de abandono ou infrautilización que ten esta zona, o conselleiro do Medio Rural, José González, comprometeuse na última xuntanza mantida coa rexedora municipal a estudar a área e poñer en marcha unha figura de mobilización de terras que poida crear unha nova actividade económica nesta zona do rural pontevedrés.
Falamos coa alcaldesa, Sandra González, nos informativos locais e comarcais de Si Radio sobre este proxecto: