jueves, noviembre 21, 2024
InicioA terraA nosa culturaLópez Campos insiste nun "uso da nosa fala de maneira cordial e...

López Campos insiste nun «uso da nosa fala de maneira cordial e sen imposicións» para impulsar o galego

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, apelou hoxe no Parlamento á “responsabilidade de todos os grupos para acadar un acordo que permita poñer en valor a lingua e trazar un camiño común”, reiterando que “é preciso chegar a un consenso político para lograr o impulso do galego en toda a sociedade”.

Así o expuxo o representante da Xunta na súa comparecencia para responder a dúas preguntas sobre as medidas para dinamizar o uso do idioma, precisamente un día antes de abrir o diálogo sobre o Pacto pola Lingua a través de reunións individuais cos distintos grupos con representación na Cámara galega.

Durante a súa resposta, López Campos lembrou que os últimos datos do Instituto Galego de Estatística apuntan que “o coñecemento do galego está garantido e segue a ter unha presenza social moi relevante con altas taxas no que se refire aos niveis de competencias”.

Ademais, resaltou que “os nados aquí seguen a elixilo como idioma maioritario”, polo que incidiu na necesidade de “chegar ás persoas que veñen do exterior, para as que xa anunciamos varias medidas”. Unhas accións que teñen que ver, tal e como explicou, «coa posta en marcha de máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas, colaboracións coas entidades que traballan coas comunidades asentadas en Galicia e outras propostas por desenvolver.

Con estas premisas aborda o responsable de Lingua do Goberno galego a rolda de contactos cos grupos parlamentarios, «tendo e conta que agardamos boa disposición e non imposicións ou debates que se xeren fóra da cordialidade e que non benefician en nada a defensa da nosa lingua”.

Neofalantes

Ademais das accións destinadas ás persoas chegadas do exterior que supoñen potenciais galegofalantes, como son os mencionados cursos, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude preténdese seguir impulsando o fenómeno do neofalantismo ofrecéndolles máis ferramentas a esas persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra.

Así, en colaboración coa Universidade de Santiago, xa se puxeron en marcha novos recursos no portal neofalantes.gal que pasou a funcionar, ademais de como punto informativo, como unha rede social para dar testemuños e compartir experiencias sobre o proceso. A iso sumaranse outras iniciativas como «a creación dun espazo de lecer a modo de repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego».

O plan de actuacións para o impulso do galego tamén se centra no aproveitamento das tecnoloxías e os espazos dixitais nos que se move a mocidade co fin de dinamizar o galego nesta parte da poboación creando vínculos entre a lingua e as novas xeracións.

Incidiu o conselleiro en que «todo isto afianzado coa campaña de dinamización Saca a lingua que levas dentro, lanzada a principios de mes co obxectivo de animar, máis alá de coñecela, a usar a lingua galega».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS