As públicas, as privadas, as municipais que estean ao día co Consorcio… todas as escolas infantís para nenas e nenos de 0 a 3 anos de Galicia serán de balde desde o primeiro fillo ou filla no curso 2022-2023. Anunciouno Feijóo esta mañá no debate do Estado da Autonomía no Parlamento.
O presidente da Xunta:
Todas as escolas infantís, tanto as públicas como as privadas, serán gratuítas a partir do próximo curso en Galicia, non só para os segundos fillos, como xa establecera o Goberno galego, senón tamén para os primeiros e, en resumo, para todos os nenos de 0 a 3 anos.
Na súa intervención inicial no Debate do estado da autonomía, o primeiro desta lexislatura, asegurou Feijóo que, desta maneira, Galicia sitúase «á vangarda» en España, cunha medida que non existe en «ningún outro lugar» do país e que se implantará en 2022.
Segundo especificou, esta gratuidade das escolas infantís, que recriminou ao Goberno central que non quixese «cofinanciar», será para as escolas públicas, as de iniciativa social, as privadas e tamén para as municipais que estean ao día das súas obrigacións co Consorcio.
Núñez Feijóo realizou este anuncio tras advertir que «o reto demográfico é o problema número uno de Galicia e que «a vitalidade da poboación de mañá depende da altura de miras» que se teña hoxe para afrontar esta problemática.
Tamén asegurou que Galicia sempre manterá «as portas abertas a todas as persoas que queiran vivir como galegos en Galicia» nunha mensaxe dirixida á inmigración, da que moitas veces se fala frívolamente», recriminou.