sábado, noviembre 23, 2024
InicioComarcasBaixo Miño280 alumnos de Primaria de Tui asistirán á primeira proxección de "O...

280 alumnos de Primaria de Tui asistirán á primeira proxección de «O cine nas aulas»

A seguinte cita desta edición do programa será o 13 de novembro para alumnado da ESO

O cinema coma ferramenta educativa e de traballo é a clave sobre a que hai anos o Concello de Tui leva a cabo o programa “O cine nas aulas”. Cada curso escolar chega ao alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos do municipio. Mañá, mércores 23 de outubro, comeza unha nova temporada coa proxección no Teatro Municipal dunha película. A esta inauguración asistirá alumnado de 5º e 6º de primaria dos CEIP’s de Rebordáns, Guillarei, Caldelas, Pazos de Reis, Randufe, Nº1 e Nº2 de Tui.

Será un total de 279 alumnos e 18 profesores os que mañá asistirán á proxección no Teatro Municipal. A través da película elixida abordarase a importancia do deporte, a inclusión e a empatía, realizándose unha análise das personaxes. A técnica de Prevención do Concello de Tui é a encargada de elaborar as unidades didácticas coas que posteriormente se traballará nas aulas. O 13 de novembro será a segunda proxección desta temporada. Nesta ocasión participará o alumnado de 4º ESO dos IES Indalecio Pérez Tizón e San Paio, Colexio Marista Sta María e Seminario Menor San Paio.

O cine nas aulas

Cada curso escolar o Concello de Tui, a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias, oferta aos CEIP’s e aos IES’s este programa. A iniciativa aborda múltiples problemas da sociedade actual mediante a posta en marcha de actividades preventivas, sendo a educación o elemento básico.

Ademais, o cine conta cun indubidable atractivo para a mocidade. Este programa non é so unha actividade de divertimento senón que constitúe unha oportunidade para captar a atención de mozos e mozas. Así mesmo, a iniciativa apoia a súa capacidade de reflexión e favorece a análise e a crítica dos contidos educativos que presenta. Deste xeito o cinema convértese nunha eficaz ferramenta de traballo.

Tras a proxección deste mércores o profesorado traballará nas aulas o tema abordado na película a través do material complementario facilitado dende o Concello. Ademais, servirá como soporte para tratar as diversas temáticas transversais que aparecen en cada guía. Deste xeito o cine convértese nun recurso de primeira magnitude que permite profundar noutros ámbitos transversais que resulten de interese de cada docente.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS