viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsActualidadeSantiago terá o primeiro edificio de vivendas compartidas da Xunta para ...

Santiago terá o primeiro edificio de vivendas compartidas da Xunta para a mocidade menor de 36 anos

A Xunta construirá en Santiago o primeiro edificio de aloxamentos compartidos en alugueiro accesible, destinado á mozos e mozas menores de 36 anos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, deron hoxe a coñecer esta medida que busca axudar á mocidade no proceso de emancipación nun acto celebrado na biblioteca Ánxel Casal en Santiago.

A conselleira M. Allegue, subliñou a colaboración entre ambas consellerías para impulsar “aloxamentos compartidos” e indicou que o inmoble levantarase nunha parcela do Instituto Galego da Vivenda e Solo a carón da citada biblioteca e contará con ao redor de 70 vivendas.

Como serán as vivendas?

Serán pequenos apartamentos con cociña, salón e un dormitorio e logo o edificio contará con espazos comúns como lavandería, zonas de traballo ou esparexemento. 

O aloxamento terá carácter temporal, cun tempo máximo de permanencia de tres anos, e está pensado para mozos e mozas cun primeiro traballo, mocidade investigadora, estudantes do MIR… “aos que queremos dar un primeiro pulo á emancipación”.

“Son apartamentos exclusivamente ideados para mozos e mozas menores de 36 anos que cumpran os requisitos -sinalou a conselleira-, e para moitos deles serán a súa primeira vivenda, nos que coidaremos todos os detalles. Nestas vivendas garántese unha convivencia en comunidade, brindando unha solución digna e atractiva ás necesidades transitorias de residencia que moitos deles precisan”. A comezos do vindeiro ano licitarase a redacción do proxecto.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, indicou que desde os dous departamentos da Administración autonómica “tratamos de buscar fórmulas de maneira transversal que faciliten as opcións de independizarse da nosa mocidade”. Neste senso, resaltou, “este tipo de iniciativas supoñen un incentivo á hora de tomar unha decisión de tanta relevancia para unha persoa, e é a nosa responsabilidade que os mozos e mozas teñan mellores oportunidades para construír os seus proxectos de vida fóra do lugar onde se criaron”. 

Neste senso, o titular de Xuventude do Goberno galego lembrou outra das propostas anunciadas estes últimos días. Así, explicou, “imos pór en marcha o Bono Emancípate para os primeiros gastos do fogar, tanto en propiedade como en alugueiro, que teñen que ver co mobiliario ou electrodomésticos, por exemplo, ao que dedicamos 2 M€ nos orzamentos de 2025”.

Máis medidas

Durante a súa intervención, a conselleira María Martínez Allegue lembrou tamén as medidas que o seu departamento ten en marcha para facilitarlle á mocidade a compra de vivenda, destacando que o 40% do novo parque de vivenda pública que está a construír a Xunta destinado ao alugueiro reservarase aos menores de 36 anos, e un 25% no caso de estar as vivendas destinadas á compra.

Citou que «entre 2021 e 2023 a Xunta destinou 22M€ á concesión de axudas ao alugueiro para menores de 36 anos, así como máis de 5M€ a achegas para a adquisición de ao redor de 700 vivendas por xente nova».

Por outra banda, a Administración autonómica tamén ofrece aos mozos axudas para adquisición de vivenda, en especial en municipios de menos de 10.000 habitantes, así como nos cascos históricos, onde as achegas poden superar os 12.000 euros. Ademais, a Xunta sufraga co Aval Mozo ata o 20% o custe da vivenda e ofrece bonificacións fiscais por adquisición de vivenda a menores de 36 anos. 

A comunidade galega conta, por outra banda, cun programa de axudas propio ao alugueiro, con vantaxes específicas para a mocidade.  A Xunta destina 10M€ a financiar ata 2025 ata o 60% da renda. 

Recordou así mesmo que «a Consellería está a construír en Santiago neste momento 60 vivendas de promoción pública en Lamas de Abade e no Castiñeiriño» e indicou que “estas son soamente algunhas mostras do traballo que desde a Xunta de Galicia estamos a facer a favor da mocidade».

Finalmente, indicou que «dándolle acceso á vivenda, non só estamos a investir no seu futuro, senón que contribuímos a fortalecer a cohesión social e mesmo cultura e económica. Con este empeño seguiremos a traballar, con políticas deseñadas de xeito específico para a mocidade, para quen marcará o noso progreso como comunidade nos anos vindeiros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS