Reivindicar a cabaza, nas súas distintas variedades e usos, así coma as súas propiedades é o obxectivo da IV Feira da Cabaza. Esta iniciativa organizada polo Concello de Tui terá lugar este fin de semana, sábado 26 e domingo 27 de outubro, e o próximo xoves, 31 de outubro no Mercado de San Antonio.
O sábado ás 10.00 horas terá lugar a inauguración oficial e apertura do mercado de cabazas e produtos de temporada. Neste evento poderase atopar, amais das cabazas, cestería, marmeladas, cogomelos, castañas, noces, mel, galletas, queixos e embutidos. Así mesmo, será posible de visitar tanto o sábado coma o domingo de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.
Amais do mercado, a IV Feira da Cabaza acollerá un amplo programa de actividades dirixidas a todos os públicos. Haberá showcooking coa chef Noelia Figueiras Vega, xerente de Ministerio del Fogón, o sábado ás 12.00 horas. O domingo no mesmo horario será o turno do chef afincado en Tui Judicael Romero con “Innovacións con cabaza”. Este é un proxecto no que fusiona tradición e modernidade empregando a cabaza coma fío condutor e é preciso inscribirse na Oficina de Turismo.
Tamén haberá cata de viños e tapas de mercado don D’Calle e Almacén Urbano con viños maridados con tapas elaboradas a base de cabazas e outros produtos de outono. Neste caso a participación ten un prezo de 25 euros por persoa debendo realizarse a inscrición en Almacén Urbano. Tanto o sábado coma o domingo ás 13.00 horas haberá sesión vermú con D’Calle e Almacén Urbano.
Outras actividades do programa
Os máis pequenos, con idades entre os 3 e 11 anos, poderán gozar no obradoiro de cociña de Hogwarts. Nesta actividade elaborarán Snitch dorada de cacahuete, Ovos de dragón de Hagrid, e Crías de Aragog, e batidos das casas de Hogwarts. Amais está prevista unha charla, a cargo de María López nutricionista do Centro de Saúde de Tui, sobre “A cabaza nunha alimentación saudable”. Non faltarán na programación outras actividades coma o espectáculo “A maxia das cabazas do profesor Wocky” e a actuación do saxofonista Marcos Sabor.
Mentres o xoves 31 de outubro celebrarase dentro da IV Feira da Cabaza un concurso-exposición. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo para o que deberán entregar as súas cabazas decoradas a partir das 9.00 horas no Mercado de San Antonio. Ás 14.00 horas o xurado reunirase para entre todas as propostas presentadas entregar o premio á cabaza máis creativa e elaborada.
Esa mesma tarde, a partir das 16.00 horas haberá pintacaras no mercado e ás 17.00 horas comezará o truco-trato polo comercio local en colaboración con ACITUI. As actividades pecharanse cun roteiro nocturno de Samaín polo conxunto histórico. A cabaza tamén será protagonista na hostalería local xa que durante estes días incorporarán pratos elaborados con este produto.
Produto local e de temporada
Coa celebración da IV Feira da Cabaza o concello de Tui pon en valor e promoción do produto local e de temporada. A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, salienta que con esta feira quérese “amosar a versatilidade deste produto e as súas múltiples variedades, tanto en receitas como en usos. Ademais de subliñar as súas propiedades saudables”. Engade a concelleira de Comercio e Mercado de Tui que “ a feira non só é un espazo para adquirir cabazas e produtos de tempada. Tamén é un punto de encontro para a tradición, a cultura, o entretemento e a gastronomía. Agardamos que as actividades, dende os showcookings ata os obradoiros e concursos, sexan un éxito e que a veciñanza e os visitantes gocen desta celebración no Mercado de San Antonio”.
Pola súa banda o alcalde, Enrique Cabaleiro, salienta que esta Feira da Cabaza é unha magnífica oportunidade para celebrar as tradicións vinculadas ao outono, buscando que a feira sexa un lugar de encontro tanto para a veciñanza coma para visitantes e turistas.