sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsO PaísRueda anuncia que a Xunta adiantará un mes o pago de 45...

Rueda anuncia que a Xunta adiantará un mes o pago de 45 M€ de anticipo da PAC a gandeiros e agricultores

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai “aboar cun mes de adianto” 45 millóns de euros das axudas da Política Agraria Común aos produtores do agro galego. En concreto, trátase do anticipo dos pagamentos directos da PAC referentes á solicitude única de 2024 e, tal e como explicou, se destinarán “10 millóns de euros para vacún de carne”, mentres que “os 35 millóns de euros restantes serán para vacún de leite”. 

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, lembrou que se trata “da contía máis altas dos últimos catro anos” e das poucas veces en que se adianta este pagamento ao mes de outubro -terá lugar na vindeira semana-, xa que en 2023 e 2022, por exemplo, o anticipo non se executou ata finais do mes de novembro. Outra das novidades, segundo explicou Rueda, é que, debido á autorización da Comisión Europea, supón un “adianto do 70%, en lugar do 50% que viña sendo habitual nos últimos anos”, co obxectivo de dotar de maior liquidez os agricultores e gandeiros. 

O obxectivo é que os beneficiarios conten cun fluxo de efectivo para facer fronte aos seus gastos operativos durante o presente ciclo agrícola. O resto de pagamentos directos da campaña 2024 terán que ser aboados obrigatoriamente a partir do día 1 de decembro, de maneira que o prazo final de pagamento sexa, como moi tarde, o 30 de xuño de 2025. Trátase «dunha importante inxección económica para o vacún de leite e de carne, que representa máis do 75% das solicitudes da PAC».

As axudas da PAC están financiadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e, logo da resolución de axudas presentadas, as comunidades autónomas poden realizar o pagamento anticipado entre o 16 de outubro e o 30 de novembro. 

Pagamento adicional

Segundo apuntan desde a Xunta de Galicia, «cómpre lembrar que recentemente os agricultores e gandeiros galegos que fixeron a solicitude única de 2023 percibiron algo máis de tres millóns de euros adicionais das axudas da PAC, correspondentes aos fondos adicionais da axuda básica á renda para a sustentabilidade que responden ao incremento rexistrado tras a repartición de remanentes a nivel nacional». Esta axuda ten o obxectivo de apoiar unha renda agrícola viable e a resiliencia do sector agrícola en todo o territorio da Unión Europea, co fin de mellorar a seguridade alimentaria a longo prazo e a diversidade agrícola, así como de garantir a sustentabilidade económica da produción agrícola da UE.

Os diferentes pagamentos benefician anualmente en Galicia uns 23.200 solicitantes, que na última campaña xa rematada percibiron, en conxunto, máis de 215 millóns de euros.

A política agraria común

A PAC é unha política agraria común a todos os países da Unión Europea que se dirixe fundamentalmente ao sector agrario e ao medio rural. Esta política ofrece un firme apoio a agricultores e gandeiros e trata de proporcionarlles un nivel de vida razoable. Por tanto, a PAC ofrece estabilidade nos ingresos, proporciona seguridade e mellora a rendibilidade do sector agrario. Desta maneira, o apoio da PAC favorece o mantemento da actividade agraria, en particular, pero tamén do sistema alimentario no seu conxunto. 

Ademais, esta política define as condicións que permiten que o sector agrario cumpra as súas importantes funcións proporcionando beneficios, xa non só para o sistema agroalimentario, senón tamén para os consumidores e a sociedade en xeral. Os seus principais beneficios residen na subministración de alimentos acorde ás exixencias dos consumidores, a conservación do ambiente e a loita contra o cambio climático; así como a fixación de poboación e xeración de emprego no medio rural e a xeración indirecta de traballo no sistema agroalimentario. 

As axudas da PAC chegan cada ano a máis de “23.000 gandeiros e agricultores” galegos, segundo indicou Rueda. Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural destacou que co anticipo do pago das achegas, a Xunta “cumpre co sector primario” que “é sinónimo de modernización, innovación e calidade de vida”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS