jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsActualidadeA Casa de Don Pancho, en Redondela, convértese nun viveiro de empresas

A Casa de Don Pancho, en Redondela, convértese nun viveiro de empresas

O futuro Viveiro de Empresas de Redondela está en marcha. O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, e a alcaldesa, Digna Rivas, asinaron este mediodía no Multiusos da Xunqueira o convenio que supoñerá a rehabilitación da icónica Casa de Don Pancho, na Praza da Petanca, para convertela neste novo espazo de emprendemento que chega da man do Consorcio á cuarta cidade da provincia. É a primeira actuación da Zona Franca en Redondela, “a primeira de moitas, dixo David Regades, dado o dinamismo económico e social da vila».

No acto de presentación no Multiusos da Xunqueira ao que asistiron, entre outros, o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, a presidenta do Círculo de Empresarios, María Borras, ou o presidente da Asociación de Empresarios de Redondela, Enrique Lago, David Regades destacou que “hoxe é un día moi importante para Redondela, que poderá dispoñer dun espazo dinamizador para o municipio e a súa área de influencia, que impulse o emprendemento, fortaleza o tecido empresarial e axude a xerar emprego, pero tamén o é para a Zona Franca que se dedica ao fomento da economía e ao apoio e nacemento de novas actividades empresariais”.

O delegado do Consorcio lembrou, neste sentido, “que as iniciativas que lanzamos non terían sentido sen a implicación e a participación das empresas”, e apuntou que esta primeira actuación en Redondela, este centro de emprendemento, “unirase á rede de viveiros na provincia que promove Zona Franca como é o caso dos centros que temos no Porriño, Nigrán, Vigo ou Baiona.

Promoción municipal

Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas sinalou que “hoxe cumprimos unha demanda histórica como é a de facilitar o maior e mellor servizo aos emprendedores que requiren a colaboración das administracións para a posta en marcha de proxectos empresariais. O viveiro é de iniciativa e promoción municipal, foi unha demanda das organizacións empresariais de Redondela e estou encantada de poder cumprir este compromiso, polo que agradecemos á Zona Franca toda a colaboración e axuda que nos vai a prestar para que sexa pronto unha realidade”.

O inmoble que acollerá este espazo de emprendemento será obxecto dunha importante restauración e rehabilitación. Será a Zona Franca a encargada de redactar o proxecto que atenderá os estándares de calidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética. Os próximos pasos, unha vez asinado o convenio será licitar a redacción do proxecto que, unha vez aprobado, dará paso á solicitude da licenza para despois iniciar a execución das obras e adecuación do inmoble. Como lembrou o delegado do Estado, o proxecto xa está incluído nos orzamentos xerais de 2025, estímase que as obras poidan comezar o próximo ano e nun prazo máximo de dous anos estará en pleno funcionamento.

Tras a apertura, o Consorcio colaborará co Concello na dinamización das instalacións, presentará os proxectos do Viveiro aos seus programas de aceleración e manterá esta incubadora como pertencente á súa rede de emprendemento.

Pola súa banda, o Concello asumirá a xestión do Viveiro, os criterios de acceso para a selección dos proxectos nos que priorizará as propostas máis innovadoras e as que máis postos de traballo poidan crear, o regulamento de funcionamento ou as tarifas. Encargarase tamén do mantemento do edificio, horarios, servizos ou ingresos, así como do persoal, que dependerá directamente do Concello.

A Zona Franca tamén dispoñerá dun espazo de atención para o seu persoal na atención aos emprendedores, e colaborará na selección das persoas usuarias

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS