A igrexa de San Domingos atesoura un retablo de gran valor que representa este conflicto naval.
Hoxe, 7 de outubro, conmemórase o 450 aniversario da Batalla de Lepanto. Aproveitando esta efeméride o Concello de Tui organiza un ciclo de conferencias e unha serie de visitas guiadas ao retablo de Nosa Señora do Rosario ou da batalla de Lepanto, e á igrexa de San Domingos onde está ubicado, para poñer en valor este singular elemento do patrimonio cultural tudense.
Rafael Sánchez Bargiela, historiador, explica que o retablo coñecido coma da Batalla de Lepanto é o Retablo de Nosa Señora do Rosario. Precisou que “non sabemos a data concreta nin o autor do retablo. É un retablo realizado entre 1730 e 1740 impulsado por unha confraría do Rosario que existía nesta igrexa conventual de San Domingos, e que foi seguramente a que propiciou coas súas achegas a realización desta obra”.
A Batalla de Lepanto tivo lugar no ano 1571, sendo a maior batalla naval da historia moderna, na que participaron 450 naves e máis de 200.000 homes. Conta a tradición que namentres acontecía esta batalla o Papa Pío V rezaba o rosario, e que pedira a toda a Cristiandade que o acompañase con esta oración. Desta foi atribuída esta importante vitoria á Nosa Señora do Rosario.
O retablo tudense, promovido pola Confraría do Rosario, recolle na súa iconografía todos este motivos: a imaxes corresponden a Nosa Señora, o seu esposo, San Xosé, e o seu pai, San Xaquín. No mesmo están representadas as escenas dos quince misterios do rosario e coroando o retablo a espectacular representación desta batalla de Lepanto.
O programa previsto comezará con visitas guiadas que se iniciarán esta fin de semana, sábado 9, domingo 10 e luns 11 ás 19 h e que continuarán o domingo 31 de outubro e o luns 1 de novembro ás 18 h .
Xa próxima semana abrirase o ciclo de conferencias que se prolongará até o 9 de novembro. No mesmo intervirán os profesores da USC Hortensio Sobrado Correa, Domingo González Lopo, Francisco Javier Novo Sánchez, e a profesora de ensino medio Dolores Balseiro, e o historiador tudense Suso Vila.
Todas as actividades desenvolveranse na Igrexa de San Domingo, sendo preciso inscrición previa no correo biblioteca@tui.gal ou presencialmente na Biblioteca Municipal, no edificio Francisco Sánchez, antiga Área Panorámica.
Programa de visitas guiadas
- Sábado 9, domingo 10 e luns 11 de outubro ás 19.00 h
- Domingo 31 de outubro e luns 1 de novembro ás 18.00 h
Programa de conferencias
- Mércores, 13 de outubro, ás 19.30 h “A batalla de Lepanto, contexto histórico” por Hortensio Sobrado Correa, profesor da USC
- Martes, 19 de outubro, ás 19.30 h “A devoción a Nosa Señora do Rosario e as súas confrarías na Galicia do Barroco” por Domingo González Lopo, profesor USC
- Martes, 26 de outubro, ás 19.30 h “A batalla de Lepanto na literatura española” por Dolores Balseiro, profesora ensino medio
- Mércores, 3 de novembro, ás 19.30 h “Política, devoción e iconografía bélica. O tema da Batalla de Lepanto no retablo do Rosario do convento de San Domingos de Tui” por Francisco Javier Novo Sánchez, profesor USC.
- Martes, 9 de novembro, ás 19.30 h “Os corsarios turco-berberiscos nas costas galegas e o seu remoto eco no retablo de Nosa Señora do Rosario de San Domingos de Tui” por Suso Vila, historiador.