jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasDezaoito locais da hostalería participarán na nova edición de Pinchotea, en Ponteareas

Dezaoito locais da hostalería participarán na nova edición de Pinchotea, en Ponteareas

O Concello de Ponteareas pechou o prazo de inscrición con 19 locais de hostalería interesados en formar parte da ruta Pinchotea, que terá lugar do 24 de outubro ao 10 de novembro, o dobre de establecementos que na pasada edición.

Así, nesta segunda edición da ruta os veciños e veciñas, así como os visitantes, poderán degustar as tapas e pinchos que elaboren os seguintes locais: MacDona, Bar Cortiñas, Casa Ferreira, Bar Romi, Mamá Fina, D’Peyo, Novo Melodi, Luna Flores, La Preciosa, Papelón con limón, Eira Vella, El Túnel, Casa Cultural Arcos, Xirope, La Oficina, Troll, Café Bar Ciudad e La Carlotta Burguer.

O concelleiro de Comercio Ricardo González explicou que “o obxectivo desta iniciativa é dinamizar a hostalería de Ponteareas, por iso estamos moi contentos de que este ano se dobrase a cifra de locais participantes. Estou seguro de que a calidade e o nivel subirán aínda máis (e iso que puxérono difícil o ano pasado) e atoparémonos con propostas moi variadas coas que desfrutaremos todos”.

Novidades

A principal novidade desta segunda edición é que se habilitará unha páxina web na que o público poderá acceder para consultar que locais participan, que tipo de tapa ou pincho elaboran, así como a localización de cada un deles.

Outra novidade é que este ano cóntase cunha categoría nova, o ‘Pincho Taverneiro’, en conmemoración do Camiño Taverneiro, un percorrido polo interior da provincia de Pontevedra de gran interese cultural e natural que pasa polo Concello de Ponteareas.

Sorteos e agasallos

O Pinchotea quere premiar ao público que participe de forma activa nesta ruta. Por iso, cóntase cun catálogo con diferentes agasallos, que serán desvelados doados polos locais participantes e polos patrocinadores, valorados en máis de 6.000 €.

Os consumidores recibirán nos locais participantes un pasaporte no que poderá ir poñendo un selo por cada tapa ou pincho que consuma. Se ao finalizar Pinchotea conta cun mínimo de 6 selos de diferentes locais, debe cubrir no pasaporte o seu nome, apelidos e teléfono, e depositalo nas urnas repartidas nos establecementos participantes.

Promoción coas Asociacións de Comerciantes

Os beneficios para os participantes no Pinchotea non quedan aí. Este ano a ‘Asociación de Comerciantes Banastra’ e a ‘Asociación de Comerciantes Tea’ colaboran coa ruta e trae novidades para o público.

Durante o período do concurso, as persoas que conten con pasaporte do Pinchotea e fagan unha compra nos comercios locais vinculados coas asociacións, recibirán un vale para participar no sorteo dun xamón. Esta participación só será válida se, ao remate da ruta, contan con 6 selos como mínimo no seu pasaporte. Os usuarios só terán que grampar o vale que lle deron no comercio co pasaporte e introducilo nas urnas repartidas nos locais participantes no Pinchotea.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS