viernes, octubre 18, 2024
InicioNewsActualidadeDesactivada unha carreira ilegal de vehículos no Porriño na que participaba un...

Desactivada unha carreira ilegal de vehículos no Porriño na que participaba un coche fúnebre

O pasado sábado 12 de outubro a Policía Local do Porriño levou a cabo a «Operación Caba», que consistiu nunha intervención co fin de desactivar unha masiva concentración de vehículos e persoas no polígono industrial porriñés de Oceanis – Cataboi.

O evento, convocado a través de redes sociais, converteuse nun espazo para exhibicións de condución e carreiras ilegais que xeraba un grave risco para a seguridade pública. As autoridades levaban xa varias semanas percatándose dun aumento na concentración de turismos e asistentes no polígono os sábados á noite.

Nunha primeira instancia, as reunións consistían tan só en quedadas, pero co tempo foron evolucionando cara a carreiras ilegais e manobras perigosas, como trompos e arranques que comprometían a seguridade das case mil persoas presentes en cada xornada.

A operación foi coordinada polo Xulgado de 1ª Instancia e Instrución número 1 do Porriño. Dispúxose un amplo dispositivo policial que incluíu o uso de drons e outros medios técnicos para documentar as infraccións.

Sobre ás 00:55 horas do 13 de outubro, a policía pechou de forma sorpresiva todos os accesos ao polígono, obrigando aos vehículos a saír polo único paso que quedou habilitado, e onde se realizaron inspeccións exhaustivas.

Sancións

Como resultado da operación, cinco conductores foron investigados pola presunta comisión dun delito contra a seguridade viaria, por conducción temeraria; nove conductores enfrontan denuncias administrativas, con sancións de 500 euros e a perda de 6 puntos no seu carné de conducción. Rexistráronse tamén máis de 20 infraccións ao Regulamento Xeral de Vehículos, así como denuncias por circular sen seguro e sen cinto de seguridade.

Segundo as pesquisas realizadas, revelouse que este tipo de concentracións están a levarse a cabo en varios municipios da comarca e do país veciño, e que ás organizacións cada vez implementan maiores medidas de vixilanza para detectar a presenza policial.

Nestas carreiras ilegais víronse involucrados automóbiles de máis de 20 anos de antigüidade ata vehículos modernos, e incluso a participación dun vehículo fúnebre.

Os investigados foron citados ante o xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 1 do Porriño, onde catro deles aceptaron a pena de prisión e a retirada do permiso de condución solicitada polo Ministerio Fiscal, quedando un pendente de comparecer o seu avogado designado.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS