A Xunta amplía en 4.287.709 euros os fondos destinados ás axudas do Bono de alugueiro social, destinado a facilitar o pago do alugueiro por parte das persoas comprendidas nalgún dos colectivos beneficiarios desta axuda, como son vítimas de violencia de xénero, afectados por desafiuzamentos, persoas privadas da súa vivenda por circunstancias imprevisibles e sobrevidas, tales como incendios e inundacións, e outras persoas vulnerables con especiais dificultades para o acceso á vivenda.
Con esta ampliación de crédito, a Xunta destina ao Bono de alugueiro social un orzamento total que rolda os 7 millóns de euros.
Así, a Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución do incremento do orzamento destas axudas para este ano e o vindeiro 2025, e coas que a Xunta ten como obxectivo ofrecer a posibilidade de garantir o pago do alugueiro da vivenda por parte dos beneficiarios da mesma.
Estas subvencións, cuxa convocatoria é continuada e permanente ata o esgotamento do crédito, garanten o financiamento do 100% do custe do alugueiro, sempre dentro dos límites establecidos.
Desde a administración autonómica, indican que a ampliación do crédito deste programa de axuda non implica a modificación do prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.