A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a once anos de cárcere ao home que o 14 de setembro de 2023 disparou no parque de Castrelos a un mozo co que tivera altercados previos polos seus cans. O tribunal, que tamén lle impuxo o pagamento dunha indemnización de 3.804 euros á vítima polos días que estivo de baixa e o dano moral que lle causou, considerouno autor dun asasinato en grao de tentativa e dun delito de tenza ilícita de armas.
Os maxistrados salientan na sentenza que disparou á vítima “coa clara intención de matala” e que “tratou de asegurar o resultado excluíndo toda defensa e consecuente risco para a súa persoa”. Así, indican na sentenza que, cando se atoparon no parque, o procesado, “case sen aviso”, sacou “unha pistola coa que apuntar e disparar”, á vez que destacan que o afectado “de ningún xeito podía prever unha reacción tan desproporcionada”.
Nese primeiro momento no que exhibiu a arma, segundo a resolución, “ambos estaban a uns dous ou tres metros de distancia, pero o acusado tivo algún problema para montar a arma, o que lle deu tempo á vítima para correr a refuxiarse detrás da árbore”. Os xuíces indican que “a escapatoria da vítima só puido ter lugar por eses problemas”.
Os xuíces inciden en que o feito de empregar unha pistola e apuntar cara ao mozo, á vez que disparaba cara á súa parte posterior, é claramente acreditativo do ánimo de matalo. “O disparo efectuouno o acusado non con intención de asustar ou impresionar á vítima, senón para alcanzala e matala”, recalca o tribunal.
Na resolución, ademais, engade que o afectado “só se librou porque se achaba gorecido detrás da árbore, pero, mesmo así, a bala ía na súa dirección e impactou lateralmente na árbore que se atopaba entre el e o acusado”.
“Aínda que a defensa argumentou que podía achegarse para volver a dispararlle, xa que aínda había balas no cargador, o certo é que no vídeo se aprecia como o acusado axexaba do outro lado da árbore para obter unha nova liña de disparo, polo que non é que non quixese rematar a súa obra, senón que tivo dificultades para iso”, conclúen os maxistrados.
Ademais da pena de cárcere, a Sala impúxolle dez anos de liberdade vixiada e a prohibición de aproximarse a unha distancia inferior de 200 metros do domicilio, lugar de traballo ou calquera outro lugar no que se atope a vítima, así como a de comunicarse persoalmente ou por calquera outro medio con ela, durante 10 anos. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.