A asociación Empresarias Galicia celebrou hoxe o evento «Somos industria, somos empresa» no Pazo de Mos. Este espazo tiña como finalidade xerar debate e reflexión sobre o futuro da industria. O encontro contou co apoio do Concello de Mos e a colaboración de Aqualia. Ademais, reuniu a empresas e líderes do sector industrial comprometidos co crecemento e o fortalecemento do tecido empresarial da área.
O obxectivo central da xornada foi fomentar o diálogo sobre os retos e oportunidades que enfronta a industria. Estas cuestións abordáronse con temas clave como infraestruturas, sustentabilidade e economía circular. A través de mesas redondas e debates abertos, buscouse achegar solucións innovadoras que impulsen a competitividade e o valor das empresas industriais en Galicia.
Esta xornada supuxo unha plataforma para intercambiar ideas e xerar colaboracións. Ademais, foi un espazo para reforzar o compromiso das empresas coa creación de valor a longo prazo e impulsar a competitividade. “Somos industria, somos empresa” concluíu reiterando o compromiso de todos os participantes por seguir traballando de forma conxunta para fortalecer o sector industrial e garantir o seu papel como motor económico da rexión.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, detallou a colaboración do Concello co tecido empresarial do municipio, sobre todo, a través da Axencia de Colocación de Mos. Así mesmo, o labor realizado para poñer en valor ao empresariado feminino mosense e fomentar a igualdade tanto na empresa como na sociedade en xeral.
Benvida institucional
Para iniciar este espazo de debate e reflexión houbo unha benvida institucional coa participación da presidenta de Empresarias Galicia, Susana Pérez. Tamén estiveron presentes Javier García, director da Delegación de AQUALIA en Galicia, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.
Susana Pérez, durante a benvida institucional, fixo fincapé en que o sector industrial é o tractor da economía; por tanto, debemos atraer e manter industrias diversas no territorio. “Hai que contribuír e poñer en valor o traballo que fan as empresas en materia de sustentabilidade, tecnoloxía ou infraestruturas é fundamental para xerar un impacto positivo na economía e na sociedade en xeral”, asegurou.
Susana Pérez e Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, destacaron que a xornada de hoxe foi unha mostra de que hai talento feminino nas direccións das empresas que xeran un valor engadido, unha maior competitividade cunha proxección internacional.
Ademais, Arévalo resaltou “o gran labor de Empresarias Galicia para poñer en valor o binomio muller e liderado, e combater aspectos como os teitos de cristal, as dificultades de conciliación, a brecha salarial ou os micromachismos”. Na súa intervención desta mañá, moi centrada na igualdade, a rexedora subliñou que, “afortunadamente, avanzamos moito, pero queda moito camiño por andar, aínda que cada vez é maior a presenza das mulleres na empresa, en cargos de responsabilidade”.
Programa completo da xornada
Tras esta inauguración, comezou a primeira mesa de debate baixo o título “Construción e infraestruturas” con Mar Ferrero, administradora de Topogray, como moderadora. Eva Abal, arquitecta en Construcións Abal; Gala Chairo, enxeñeira e Directora de Safe City; e María Jesús Gil, directora Xeral de Atlantic, foron as participantes. O debate estivo centrado en como as infraestruturas industriais poden ser motor de crecemento e competitividade, explorando formas de colaboración para fortalecer o sector.
A continuación, foi o turno da conversación con Sara Rodríguez, presidenta de Hermasa. Rodríguez falou sobre como foi a súa traxectoria desde que tivo que facerse cargo da empresa e sobre a importancia do equipo como soporte para poder evolucionar e marcar a diferenza.
A última mesa de debate da xornada foi entorno a “Sustentabilidade e economía circular” e tivo no papel de moderadora a Teresa Martínez, directora de TMC Internacional. As tres participantes foron Arancha Mañas, directora de PMA NUTRIGRAS; Laura Collazo, responsable de Seguridade, Saúde e Medio de TRIVIUM; e Emma Patiño, directora Xeral de Operacións de RESIGAL. Este panel enfocouse nas estratexias para avanzar cara a unha industria máis sostible, buscando o equilibrio entre crecemento empresarial e o compromiso ambiental.