Impulsar o futuro dixital do galego a golpe de voz. Con ese obxectivo máis de 70 veciños e veciñas de Tomiño se achegaron este martes ata a aula CeMIT para participar na campaña de captación de voz en lingua galega posta en marcha ao abeiro do Proxecto Nós. Esta é unha iniciativa pioneira impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia e que contou coa colaboración do Concello de Tomiño. O obxectivo é garantir que a lingua galega estea plenamente integrada en todos os dispositivos electrónicos e servizos dixitais.
En total foron máis de 13 horas de gravación de distintas voces doadas por membros do voluntariado xuvenil de Tomiño. Tamén participaron integrantes das ANPAs, persoas usuarias e traballadoras do Centro de Día, traballadores e traballadoras municipais e mesmo pola alcaldesa, Sandra González, así como concelleiros e concelleiras.
“Paréceme unha maneira fermosa de que todas e todos acheguemos o noso gran de area para que o galego estea presente nestas tecnoloxías de futuro, que son imprescindibles”, salientou a rexedora. A alcaldesa destacou o orgullo que supón para Tomiño poder desenvolver unha xornada deste tipo e “comprobar como unha vez máis a veciñanza respondeu positivamente a esta chamada de colaboración. Por parte do Concello axudaremos o máximo posible para que a recollida de voces sexa un éxito seguindo a liña do noso compromiso coa lingua galega”.
Proxecto Nós
O Proxecto Nós está a recompilar unha gran cantidade de texto e de audio de calidade en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. No caso do audio precísase ademais unha grande variedade de voces de todas as idades para o correcto adestramento dos algoritmos. Tamén é necesario a gravación de todas as variedades dialectais que ten o galego para que os dispositivos electrónicos as recoñezan perfectamente.
Debido a isto, fai falta recoller as voces de milleiros de galegos e de todas as zonas nas que se empregan variantes dialectais. As persoas que non puideron asistir á gravación presencial na aula CeMIT de Tomiño poderán colaborar igualmente co proxecto a través dunha ferramenta de captación de voces en liña habilitada https://doagalego.nos.gal.