A Biblioteca municipal tudense acollerá hoxe, xoves 17 de setembro, ás 17.30 horas unha nova sesión de contacontos a cargo de Bandullo Azul co seu espectáculo “Filipa cos contos”. Esta actividade forma parte do programa de “Outubro: mes da biblioteca” que achega diversas actividades de animación á lectura ao longo deste mes.
Trátase dunha sesión “filipante” de contos para toda a familia. Historias tradicionais, música e humor repártense entre os dous contadores que se suben a escena, o actor Fran Campos e a súa amiga Filipa. Esta amiga é un monicreque que manexa o propio actor, quen lle dará un valor engadido ás historias de carácter tradicional: a súa experiencia. Contos “filipantes”, contos cantados e acompañados dunha guitarra. Fran Campos e Filipa, os dous, e cada un ó seu xeito farán posible unha sesión para todos os públicos. Os participantes poderán desfrutar, aprender e reflexionar dende as súas distintas visións dos contos populares.
Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, con esta oferta de actividades de “Outubro, mes da biblioteca” preténdese promover o coñecemento deste servizo municipal. Así mesmo, que a xente identifique a Biblioteca Pública como unha ferramenta que garante o acceso á cultura e a información de forma libre e gratuíta para todos os cidadáns. Ao mesmo tempo, realízase esta aproximación dun xeito lúdico e divertido coa programación de contacontos deste mes de outubro.
A próxima sesión deste programa será o xoves 24 de outubro, coincidindo coa celebración do “Día da Biblioteca”. Nesta ocasión será o espectáculo “Burromaquia” con Fantoches Baj. Estas actividades contan forman parte do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.