O convenio entre Deputación e Concello que regula o mantemento dos semáforos seguen sen asinarse por parte do ente provincial.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, piden que se axilice a formalización e remisión ao Concello por parte da Deputación de Pontevedra do convenio que regule o mantemento dos semáforos nas estradas provinciais que pasan polo municipio.
Arévalo e Augusto informaron de que “fai meses que se mantivo unha reunión a este respecto con representantes da Deputación que recoñeceron a competencia e responsabilidade da administración provincial sobre estes semáforos e comprometéronse a arranxar os avariados que non funcionaban (Puxeiros e Guizán), ao tempo que redactarían un convenio entre Deputación de Pontevedra e Concello de Mos para establecer as competencias e responsabilidades de cada administración sobre os mesmos, asumindo a primeira o mantemento dos sistemas de funcionamento e a administración local as reparacións menores tales como o cambio de luminarias cando estas se fundan, por exemplo. Desde o Concello recibimos o devandito convenio, que lle devolvemos asinado á Deputación, pero levamos máis dun mes esperando a que esta formalice o documento”.
Segundo informan Nidia Arévalo e Camilo Augusto é constante a reclamación do devandito documento á Deputación de Pontevedra, desde onde se alega que a demora está motivada pola espera dun informe xurídico.
Entre tanto, o número de semáforos de estradas provinciais avariados en Mos aumenta (agora estragouse tamén o de Torroso), co conseguinte perigo que iso supón para a seguridade viaria e as vidas das persoas, tanto viandantes como condutores, xa que a inactividade destes semáforos multiplica exponencialmente o risco de atropelos e/ou colisións entre vehículos en cruces perigosos de vías.
Lamentan desde o goberno mosense “a deixadez neste senso da Deputación de Pontevedra, dando a sensación que un tema tan delicado e sensible como este non lles preocupa”.
“Tan só pedimos que se arranxen e se poñan en funcionamento os 3 semáforos avariados e que cada administración asuma as responsabilidades que lle competen, algo tan lóxico, sinxelo, sensato e coherente como iso. Algo que ademais é vital para garantir a seguridade viaria e salvar vidas”, sentenciaron alcaldesa e concelleiro.