jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasMos realiza unha exposición técnica sobre o futuro polígono de Louredo para...

Mos realiza unha exposición técnica sobre o futuro polígono de Louredo para a veciñanza

Este novo parque empresarial dará resposta á demanda de solo industrial na localidade mosense, que xa conta co de Veigadaña ao 100% de ocupación

O Centro Social e Deportivo de Guizán acolleu onte unha reunión con veciñanza interesada para abordar o proxecto empresarial de Louredo que foi presentado e exposto por parte do equipo redator. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal; o edil de Urbanismo mosense, José Ramilo e demais membros do equipo de goberno local e técnicos municipais estiveron presentes. Ademais, acudiu Margarita Ardao, Directora Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Tamén participaron Isaac Gómez Piñeiro, Subdirector Xeral de Promoción Industrial e Solo Empresarial e os arquitectos da empresa Antea Group.

Durante a xuntanza abordáronse con total transparencia as actuacións que se están a levar a cabo respecto do futuro polígono. Tamén aclaráronse todos os datos e detalles sobre o devandito proxecto. Ademais recordáronse unha vez máis as condicións de execución coa intención de resolver a máis mínima dúbida para a total tranquilidade da veciñanza. O goberno local destacou o obxectivo de que Mos siga crecendo, aínda que preservando sempre a calidade de vida da veciñanza. Así mesmo, prestarase especial atención no proxecto ás vías de acceso ao polígono e ás que o circunden, para que o tráfico non afecte aos veciños.

Acordouse, ao remate da mesma, convocar unha nova reunión a este respecto, xa co proxecto máis avanzado, durante o primeiro semestre do vindeiro ano 2025. Esta actuación, promovida por Xestur, está recollida no Plan Sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG). Ademais, foi incluída na súa última modificación, aprobada definitivamente polo Consello da Xunta con data 21 de decembro de 2023.

Crecemento industrial continuo

Mos é o cuarto municipio con maior tecido industrial da provincia de Pontevedra e quere seguir a crecer industrialmente. Xa que Veigadaña se atopa completo e existe unha gran demanda de solo empresarial, poderáo facer co novo polígono empresarial de Louredo. Para este, por parte de XESTUR, no marco da tramitación ambiental, realizáronse as consultas pertinentes. Sobre este proxecto celebrouse onte en Guizán a reunión informativa mencionada con toda a veciñanza interesada. O obxectivo era explicarlles pormenorizadamente os detalles do proxecto do futuro polígono a acometer na zona.

Desde que fóra anunciado en 2020, o proxecto do polígono de Arrufana foi avanzando a bo ritmo. En febreiro de 2023 Xestur encargou o estudo das conexións para o Desenvolvemento do parque empresarial en Louredo (Arrufana) Mos-Redondela. A continuación, en marzo de 2023 Xestur anunciou a licitación do contrato para a redación do plan estruturante do novo Parque Empresarial de Arrufana. A Xunta adxudicou en febreiro de 2024, por importe de 223.245 euros, a redacción do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a creación deste parque empresarial. Agora o proxecto se atopa en estudo ambiental ou Avaliación Ambiental.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS