domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsA Xunta rescata catro autovías cun orzamento de 297 millóns de euros

A Xunta rescata catro autovías cun orzamento de 297 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que o Consello da Xunta de Galicia
acordou hoxe recuperar a concesión de catro autoestradas «de gran relevancia», tal e como indican desde a administración autonómica. Explican que se trata de a do Salnés, a da Barbanza, a Ourense-Celanova e a Santiago-Brión, eliminando así as peaxes en sombra que se viñan pagando anualmente.

Neste contexto, a Xunta indica que esta medida “permitirá un aforro de máis de 30 millóns de euros ao ano para as arcas públicas galegas, que poderán destinarse a outras cuestións como a vivenda”.

O titular do Goberno galego manifestou que esta decisión enmárcase dentro dunha estratexia “coherente coas políticas de infraestruturas desenvolvidas pola Xunta nos últimos anos, que inclúe a construción de máis de 220 quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe, garantindo que oito de cada dez galegos teñan acceso a unha destas vías a menos de 15 minutos dos seus fogares, así como a conxelación das peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo e do Val Miñor».

Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, indicou que coa medida aprobada hoxe «dase un paso máis cara a unha rede de infraestruturas cada vez máis extensa e económica para os cidadáns» e explicou que «Galicia conta hoxe con máis de 1.400 quilómetros de vías de altas prestacións, dez veces máis que hai 30 anos». Ademais, destacou que en 2025 seguirán avanzando en eixes como o de Tui-A Guarda, Nadela-Sarria e Santiago-A Estrada.

As catro autoestradas que pasarán a ser xestionadas pola Xunta suman un custo total
de 297 millóns de euros, e con esta operación prevese un aforro de máis de 330 millóns
de euros en peaxes en sombra
e mantemento ata o final das concesións. Isto, polo tanto,
permitirá dispor de 30 millóns de euros adicionais para as finanzas públicas galegas.
Con este acordo, a conselleira salientou que “Galicia dá un novo paso cara a unha rede
viaria máis accesible, eficiente e sostible, consolidando así un modelo de infraestruturas
que beneficia a todos os galegos”. Así, o Goberno galego reitera a súa aposta por un
modelo que achegue as áreas rurais ás urbanas e contribúa á vertebración de todo o
territorio.

Acordo coas concesionarias

A conselleira tamén quixo agradecer ás concesionarias destas vías a súa colaboración e compromiso, subliñando «o seu esforzo investidor en momentos de dificultade económica e a súa disposición para chegar a un acordo favorable para o rescate das infraestruturas».

«Esta operación permitirá que as catro autoestradas pasen a ser autovías de propiedade pública, xestionadas directamente pola Xunta de Galicia, cunha administración responsable e comprometida coa calidade do servizo,» engadiu.

Neste sentido, volveu insistir na necesidade de que “tamén as autoestradas de xestión
estatal, a AP-9 e a autoestrada que une Santiago con Lalín, deixen de estar entre as
máis caras de España” e a súa titularidade e centro de decisión pase a estar en Galicia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS