viernes, octubre 18, 2024
InicioNewsComarcasRosalía Fernández Rial presenta no Porriño "Fóra de campo", Premio Roberto Vidal...

Rosalía Fernández Rial presenta no Porriño «Fóra de campo», Premio Roberto Vidal Bolaño 2024

A escritora muxiá estivo acompaña polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o director de edicións da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro, e a profesora do IES Ribeira do Louro, Raquel Castro

O Centro Cultural Municipal do Porriño acolleu hoxe a presentación de «Fóra de campo», a obra de Rosalía Fernández Rial que resultou gañadora do Premio Roberto Vidal Bolaño 2024. Representantes das tres entidades que organizan o certame literario acompañaron á autora. Estes foron Alejandro Lorenzo, alcalde do Concello do Porriño; Raquel Castro, do IES Ribeira do Louro; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

O Premio Roberto Vidal Bolaño 2024 naceu pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. O Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia convocan anualmente este certamen. A súa finalidade é crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Ademais, preténdese honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor unha vez máis esta iniciativa xa que, obras como a de Rosalía Fernández Rial, “non só enriquecen á mocidade no eido educativo e cultural. Senón que tamén lles trasmiten valores como a sororidade, a empatía e o respecto. Desta forma prepáranse para enfrentar a súa vida desde unha perspectiva máis comprensiva e aberta”. O rexedor aproveitou para felicitar novamente á autora “xa que é unha verdadeira honra contar co seu nome engrosando o palmarés do Premio Roberto Vidal Bolaño”.

«Fóra de campo», o perigo das redes sociais

«Fóra de campo», publicada na colección Costa Oeste da Editorial Galaxia, conta a historia de Nere, @nerenao para as escasas seguidoras de Instagram. A protagonista é unha moza dilixente e vivaz que adora as súas amigas e se leva ben coas compañeiras do equipo de vólei. Así mesmo, é unha adolescente máis, unha estudante máis dun instituto máis, coma calquera outra. Pero todo cambia cando Gladius, o influencer máis admirado pola comunidade, repara nela. En canto lle pide participar na súa nova serie, a vida dálle un xiro radical. Entra no reino das elixidas e nada volve ser coma antes.

Esta obra enfoca o que fica alén do plano, o que se pode intuír pero non se ve, nese espazo onde se revela a cara oculta das redes sociais, o poder das contendas cotiás, os fíos que unen as mulleres que non se deixan enredar. Ademais, «Fóra de campo» fala unha linguaxe contemporánea onde conflúen as artes escénicas, plásticas e musicais.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS