A mosense preséntase con moitas opcións de lograr o primeiro posto. O Concello trasládalle todo o apoio, a forza e o ánimo para que así sexa.
A florista mosense Noelia Sías volve presentarse ao concurso do ‘MAF’ (Mellor Artesán Florista) que se celebrará en Burgos do 29 de setembro ao 2 de outubro.
Sías síntese con moitas posibilidades de gañar este ano, tras ter quedado sub campioa en 2019 (no ano 2020 non se celebrou por mor da pandemia da COVID-19).
Así que, tras o parón do ano pasado, este ano a mosense Noelia Sías volve participar no ‘MAF’ e desde o Concello de Mos, en nome de todo o municipio, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, trasládalle todo o apoio da administración e da veciñanza para afrontar coa maior das forzas e o ánimo esta importante competición de índole nacional.
Deste xeito, tras facerse co título de segunda mellor florista de España, Noelia Sías loitará en cuestión de días polo primeiro posto.
Arévalo declarou a este respecto que “é un orgullo para Mos, sendo ademais o Concello da rosa, contar entre a nosa veciñanza coa segunda mellor artesá florista de España que esperamos que en breve se converta na primeira”. A alcaldesa felicitouna por presentarse novamente a esta importante competición e animouna a seguir levando o nome da localidade mosense ao máis alto do mundo da flor.
Perfil
Sías, que é veciña da parroquia de Mos, leva 22 anos vinculada ao mundo da floristería. Actualmente, e dende fai case 15 anos, traballa en Floristería Lola, tamén de Mos, e formouse nalgunhas das mellores escolas nacionais do sector florista.
Destaca da súa empresa “as facilidades e colaboración que sempre me dan para que poida formarme, facer cursos novos, participar en competicións como esta… é algo moi de agradecer e que non é frecuente en todas as empresas”. Floristería Lola leva máis de 37 anos en activo en Mos e, tal e como declaraba a rexedora local mosense, “é un referente en toda a provincia de Pontevedra, do que nos sentimos enormemente orgullosos”.
Entre os seus mestres figuran nomes tan destacados a nivel nacional como os de Juan Chamorro, Roberto Silbosa, Daniel Santamaría ou María Jesús Miranda e tamén algúns referentes internacionais como Gregor Lersch, Per Benjamin ou Vadim Kazansky.
Medalla de prata en 2019
Xunto coa mosense Noelia Sías Villaverde, competiron na V Edición do Concurso ‘MAF’ 2019 máis de 20 profesionais do sector de toda España, dos que tan só chegaron á final un total de 5 clasificados. O concurso durou 4 días e Noelia, que tivo que preparar 10 traballos, foi a única representante galega na final logrando a medalla de prata