O portavoz de Economía e Industria do BNG, Iago Ruanova, vén de defender no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei co obxectivo de evitar a deslocalización de empresas, especificamente daquelas que teñen recibido axudas da Administración galega.
Ruanova reclamou a creación de instrumentos legais que obriguen ás empresas beneficiarias de subvencións a manter no País a súa actividade e os postos de traballo ou, no caso contrario, devolver os cartos recibidos.
Segundo apuntan desde o Bloque Nacionalista Galego, «a lexislación actual non está sendo efectiva para evitar o traslado de empresas e incluso de coñecemento» e advirten que “ é difícil atopar un sector produtivo ou de servizos que non aplicara mecanismos de deslocalización nos últimos tempos”, dende o téxtil, até a automoción, a industria vencellada ao mar, o naval ou as telecomunicacións.
“As últimas informacións advirten da desviación fóra do noso territorio, do groso da actividade produtiva, por parte de preto de cincocentas empresas, que aínda así manteñen a súa matriz en Galicia”, apuntou.
O deputado nacionalista lamentou o voto en contra á iniciativa e o “pasotismo absoluto do PP malia situación que se está a vivir, especialmente, no sector da automoción, o máis afectado pola deslocalización de empresas, sobre todo no que ten que ver coa fabricación de compoñentes ou coa fabricación de vehículos no caso concreto de Stellantis». A contía do investimento comprometido a esta empresa, subliñou aludindo aos datos da propia Xunta, ascende a preto de 81 millóns de euros nun período de dez anos.
Malia as axudas comprometidas, Stellantis «está incorrendo nunha escalada abusiva de deslocalización de pedidos en base a criterios puramente económicos, o que está a deixar nun fío o futuro de centos de traballadoras e empresas”, recalcou. Referiuse ademais “como un dos casos máis sanguentos” á fabricación do novo modelo K9 en Vigo, para a que o Goberno galego, a través do Igape, desembolsou preto de dous millóns de euros que non van evitar que finalmente este vehículo acabe fabricándose en Turquía.
O K9, de Vigo a Turquía cos cartos dos galegos e das galegas
“A plataforma do K9 creouse en Vigo, concibiuse para Vigo e debería xerar valor engadido e emprego de calidade en Vigo, pero finalmente acabará por fabricarse en Turquía, creando emprego en Turquía e xerando valor en Turquía, e grazas aos cartos das galegas e dos galegos”, denunciou, subliñando tamén o millón de euros en convenio co clúster das TIC, os 4 millóns para a CTAG ou os 4 M€ para o grupo Antulo, cun ERE sobre preto de 120 persoas.
A iniciativa do BNG tiña por obxectivo evitar tamén casos como o da industria téxtil, “que foi orgullo empresarial do País e que como norma dun tempo a esta parte deslocalizou innumerábeis actividades, chegando na pasada década á cifra de 25 unidades produtivas por ano cara Portugal, Marrocos ou Tunisia”, explicou o deputada nacionalista.
É por iso que o deputado nacionalista propuxo en primeiro lugar que o Goberno galego revise aquelas subvencións concedidas a empresas que deslocalizaran actividades total ou parcialmente e, de ser viable, demandar a súa devolución. Defendeu, así mesmo, que as bases reguladoras das convocatorias de axudas públicas contemplen apartados específicos na loita contra a deslocalización, impedindo o acceso ás mesmas a empresas que incorreran no pasado nesta práctica e contemplando a devolución para aquelas que o fagan a posteriori.
A iniciativa que defendeu o portavoz de Industria do Bloque instaba tamén á Xunta a elaborar con urxencia un proxecto de lei con medidas no mesmo sentido, coa finalidade última de «conseguir que o diñeiro público investido en subvencións teña un retorno eficaz e efectivo para Galicia«.