jueves, noviembre 21, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO parque de bombeiros do Baixo Miño, pechado en plena alerta laranxa

O parque de bombeiros do Baixo Miño, pechado en plena alerta laranxa

Con toda Galicia en plena alerta laranxa polo paso da borrasca Kirk, o parque de bombeiros do Baixo Miño, no Porriño, está pechado pola falta de persoal que os propios efectivos levan máis dun ano denunciando. Só dous bombeiros estaban dispoñibles hoxe, sendo o mínimo legal para manter operativo o servizo tres, polo que os dous bombeiros do Porriño foron trasladados ao parque do Morrazo, a unha hora do seu ámbito habitual de actuación.

Desde a representación sindical dos bombeiros do Baixo Miño explican que “existe unha falta de persoal endémica en todos os parques de Galicia” e que, aínda que a folga se desconvocou en marzo, “as negociacións con Xunta e Deputación (as dúas administracións responsables) van moi lentas e non se sacan prazas”.

No caso do Porriño, onde a plantilla é de vinte efectivos, hai dúas baixas sen cubrir. Antes facían horas extra, pero agora, cando as quendas non chegan aos tres efectivos mínimos, péchase o parque, como é o caso de hoxe.

No que va de mes de outubro, o parque de bombeiros porriñés xa estivo pechado cinco días, e en setembro pechou outros once días. “Non hai posibilidade de prestar o servizo co escasísimo número de bombeiros en plantilla e inda por enriba non se renovan”, explican desde a representación sindical.

O peche do parque de bombeiros do Baixo Miño, en plena alerta laranxa, deixa sen servizo aos habitantes do Porriño, Mos, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tui, Tomiño, As Neves e Mondariz.

Outros efectivos, coma Policía Local ou Protección Civil, asistiron xa a un regueiro de incidencias que deixou árbores e muros caídos, mobiliario na vía pública e múltiples accidentes ocasionados polas condicións meteorolóxicas. Neste senso, os bombeiros do Porriño recordan que só eles poden realizar labores de excarceración en caso de accidentes de tráfico graves, como os que frecuentemente ocorren na A-55, a unha hora de distancia do parque do Morrazo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS