O Concello de Mondariz completa este sábado, 4 de setembro, o programa estival de cine na rúa coa proxección de Cuñados e a visita de dous dos actores protagonistas, Miguel de Lira e Federico Pérez.
O filme dirixido por Toño López chegou ás salas en abril, presentada como a comedia galega do ano e mesmo da historia recente do cinema galego. «É unha divertida e orixinal película para todos os públicos que fuxe dos tópicos asociados a Galicia e afonda na paisaxe interior e na familia desde o humor», segundo apunta nun comunicado o concello. O director, que se estrea na longametraxe con este filme, ten estado detrás de éxitos da televisión galega como Mareas Vivas.
Cuñados, se as condicións meteorolóxicas o permiten, será proxectada na Praza de Mondariz ás 22:00 horas, como é habitual no programa estival de cine na rúa. En caso de choiva, a actividade pasará ao Auditorio Municipal, que está habilitado cun equipamento audiovisual de calidade cinematográfica adquirido polo concello a principios de ano. A entrada será libre e gratuíta até completar a cabida permitida.
Despois do visionado da película haberá un coloquio exclusivo con dous dos «cuñados» protagonistas: Miguel de Lira e Federico Pérez. Trátase da primeira proxección deste filme durante a súa xira de verán polos concellos galegos que conta con este coloquio exclusivo. «A presenza do equipo artístico que está detrás dos filmes e o feito de que poidan interactuar co público engade valor á proxección cinematográfica. No Concello de Mondariz estamos apostando por actividades culturais de máxima calidade, e esta é unha mostra máis», comenta o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.