A Intelixencia Artificial e os altavoces que «parece que entenden» chegaron para quedar. Só lles falta falar en galego e, nesa tarefa, atópase agora o Concello de Tomiño que se une á iniciativa que ten como nome Proxecto Nós que busca doantes de voz para impulsar o futuro dixital do idioma do país.
Deste xeito, Tomiño quere achegar o seu gran de area para impulsar a presenza do galego tamén no ámbito tecnolóxico. Para conseguilo, o Concello colabora de forma activa na campaña de captación de voz organizada ao abeiro do Proxecto Nós, unha iniciativa pioneira impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia que busca garantir que a lingua galega estea plenamente integrada en todos os dispositivos electrónicos e servizos dixitais.
Como explica a alcaldesa, Sandra González, para Tomiño “é un orgullo participar nun proxecto que consideramos esencial para o noso idioma, non só para preservalo, senón para poder facer avanzar ao galego no mundo dixital”.
A rexedora convida a todos os tomiñeses e tomiñesas a doar as súas voces e conseguir que “calquera galego ou galega poida usar o noso idioma con total normalidade cando lle fale ao GPS, ao asistente de voz do móbil ou cando realice unha xestión a través de internet”.
Para lograr que os sistemas de intelixencia artificial recoñezan e interactúen en galego é necesario contar cunha ampla base de datos de textos e audios en lingua galega.
Trátase dunha iniciativa á que se sumaron outros Concellos galegos como é o caso de, por exemplo, o de Fisterra, onde xa celebraron a xornada de captación de voces en galego.
Para contribuír a recadar estas voces, o Concello celebra o vindeiro martes 15 de
outubro unha xornada de captación de voz de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas
na Aula CeMIT, no Campo da Feira. Durante 15 minutos, cada persoa participantes
gravará a súa voz, achegando o seu gran de area ao desenvolvemento de ferramentas
dixitais que permitan unha mellor interacción en galego con calquera dispositivo
electrónico.
Como participar?
As persoas interesadas en participar en doar a súa voz poden xa inscribirse a través
dun formulario habilitado na web municipal. Toda as persoas participantes recibirán un agasallo por parte do Concello.