O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, destaca o traballo do Club Tenis Ponteareas na educación deportiva da vila.
O tenis é o deporte protagonista do inicio do mes de setembro en Ponteareas. O Club Tenis Ponteareas, en colaboración co Goberno local, organiza entre o vindeiro venres día 3 e o domingo 12 de setembro o “Torneo de Tenis Concello de Ponteareas”, un evento destacado na tradición deportiva da vila que acada xa a súa duodécima edición.
O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere dar os parabéns ao Club polo seu “gran traballo polo deporte e a educación en valores que promove o tenis”. “Teñen unha gran traxectoria inculcando a nenas e a nenos a importancia do esforzo, da paixón, ou da superación”, destaca o edil.
No torneo competirán deportistas das categorías infantil, alevín, cadete, absoluto, e veteranos. Todas e todos os finalistas e campións recibirán un trofeo pola súa actuación durante o evento.