lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsActualidadePonteareas presenta o libro de Fermín Bouza Brey

Ponteareas presenta o libro de Fermín Bouza Brey

Xuíz, activista cultural, investigador ou escritor eran algunhas das facetas deste ponteareán nado no ano 1901

O Concello de Ponteareas continúa ampliando a súa colección “Creadores Ponteareáns”, unha serie literaria coa que busca poñer en valor o traballo creativo das ponteareás e ponteareáns.

O protagonista da última publicación desta colección é o historiador, etnógrafo e escritor Fermín Bouza Brey nado na vila do Corpus no ano 1901. Ao acto de presentación asistiron as súas netas Isabel e Matilde París Bouza que tiveron palabras de agradecemento para o Concello ao contribuír na posta en valor da figura do seu avó.

En palabras do escritor e xornalista Manrique Fernández, editor desta obra, “resulta difícil definir a personalidade de Bouza Brey porque presenta distintas facianas e todas elas de grande interese: como xuíz, como activista cultural, como investigador… Pero neste libro quixemos centrarnos na súa faceta creativa recollendo o eixo central da súa produción poética coa reedición dos libros «Nao senlleira» e «Seitura», dándolle un enfoque máis localista coa reprodución do «Cancioneiro das ribeiras do Tea», que tamén nos dá unha importante visión da súa faceta como investigador».

O Concelleiro de Educación e Letras, Ricardo González, e a alcaldesa, Nava Castro, adiantaron que seguirán apostando por difundir a obra das e dos creadores locais e promoverán o coñecemento do talento artístico local.

Durante o transcurso do acto organizado polo Concello o escritor e psicólogo Alex Bouzó; Pablo Rodríguez Represas, gañador do Concurso de Poesía Letras Galegas 2024 do Concello de Ponteareas e Pilar Alonso, Aurora Ramilo e Hortensia Bautista de Versos de Area recitaron algúns dos poemas de Fermín Bouza Brey.

Bouza-Brey foi tamén narrador, ensaísta e poeta, considerado actualmente entre os importantes escritores en lingua galega da chamada Xeración de 1925. Entre as súas distincións e nomeamentos académicos, cabe destacar que foi membro fundador do Seminario de Estudos Galegos (1923), membro da Real Academia Galega (1941), académico correspondente da Real Academia da Historia (1942) e encargado das Seccións de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos (1944). Recibiu tamén a Cruz de San Raimundo de Peñafort (1948) e a de Alfonso X o Sabio.

Coa publicación deste título sobre Fermín Bouza Brey xa son oito os libros editados dentro da colección Creadores Ponteareáns.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS