viernes, noviembre 22, 2024
InicioO PaísA CoruñaA Xunta detecta cinco novos focos de gripe aviaria en aves silvestres

A Xunta detecta cinco novos focos de gripe aviaria en aves silvestres

Estos casos corresponden a oito exemplares de gaivotas patiamarelas recollidas nos concellos de Vigo, Moaña, O Grove e Marín na provincia de Pontevedra e no de Ordes na Coruña

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar a detección de oito exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP). Este aviso ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, foi confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete.

Trátase de oito gaivotas patiamarelas atopadas enfermas e que constitúen cinco focos desta enfermidade. Tres foron en Ordes (A Coruña), dúas en Moaña e unha tanto en Vigo, como no Grove e Marín, todas elas na provincia de Pontevedra. Todas elas foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade. As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor.

Este caso afecta exclusivamente a aves silvestres e considerarse o foco controlado e sen ningunha outra afectación doutras especies avícolas. Por iso, a notificación non implica cambios no estatus sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria. Tampouco supón ningunha restrición ou medida adicional con respecto ao comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A valoración de risco de influenza aviaria a nivel do Estado tampouco sufriu variación respecto aos meses anteriores, ao non tomarse medidas adicionais respecto ás que
xa estaban en vigor desde o pasado mes de maio de 2023. Deste xeito, na data actual mantéñense unicamente en Galicia certas medidas de prevención sanitaria nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á denominada Zona de Especial Risco.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS