viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsComarcasSanto Estevo prepara a Festa da Mazá con máis de 4.000 quilos...

Santo Estevo prepara a Festa da Mazá con máis de 4.000 quilos de froita da parroquia

A celebración terá lugar os días 5 e 6 de outubro e os asistentes poderán degustar sidra artesá e diferentes pratos elaborados coas mazás da parroquia xunto con música en directo

O Concello de Redondela acolleu hoxe a presentación da Festa da Mazá Val do Maceiras, que se celebra esta fin de semana, os días 5 e 6 de outubro. O evento está organizado pola asociación veciñal de Santo Estevo de Negros en colaboración co Concello. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, recibiron a unha nutrida representación do colectivo veciñal que traballa nesta festa, aos que agradeceron a súa gran labor. Rivas felicitounos “polo seu compromiso e por demostrar esa gran unión que se vive na parroquia entre toda a veciñanza”.

O presidente da asociación, Antonio Figueroa, explicou que se recolleron máis de 4.000 quilos de mazá da propia parroquia de Santo Estevo para degustar na festa en diferentes elaboracións, tanto de sidra como de pratos doces e salgados. Entre as novidades deste ano está o “membrillo de mazá” que elaboran na propia asociación e unha selección de produtos “gourmet”, así como a venda de maceiras e de mazás a granel.

Como é tradicional ofreceranse pratos de chourizo á sidra, bacallau con mazá, empanada, lombo e polo con mazá e tortas elaboradas tamén con esta froita da parroquia. Figueroa destacou tamén “o gran traballo que se fai grazas á veciñanza da parroquia, son case medio cento de persoas de Santo Estevo as que participan nos preparativos e esa unión entre todos e todas é o mellor”. Durante os dous días haberá música en directo, o pregón correrá a cargo da cineasta Diana Toucedo e o actor Pepo Suevos porá a nota de humor co seu monólogo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS