A inauguración da exposición fotográfica «Tesouros. Un periplo visual pola vida» tivo lugar esta mañá. O goberno de Soutomaior organizou esta colección con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores en colaboración cos centros de día Boas Apertas e Soutomaiores. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira Rosana Comesaña acompañaron no acto inaugural ás persoas usuarias dos mencionados centros de día.
A exposición está composta por fotografías de cada unha das persoas usuarias de Boas Apertas e Soutomaiores. Ademais, están presentes algunhas fotografías antigas de Soutomaior, Arcade e a parroquia veciña de Pontesampaio. A exposición atópase no Multiusos de Arcade, e poderá visitarse desde hoxe e ata o vindeiro sábado 5 de outubro. Os horario de visita todos os días serán de 10.00 a 13.00 horas, e tanto o martes como o xoves poderá visitarse entre as 16.00 e as 19.00 horas.
O alcalde de Soutomaior sinalou que “esta exposición ten por obxectivo dar visibilidade as persoas maiores polo importante papel que desempeñaron na nosa sociedade durante décadas, sendo referentes nos seus respectivos ámbitos e converténdose agora en custodiadoras da memoria e da tradición”. Neste sentido, agradeceu o traballo desenvolto polos centros de día de Soutomaior, “coidando día a día das persoas que construíron o Soutomaior no que hoxe temos a inmensa sorte de vivir”.
O alcalde tamén subliñou que “en Soutomaior camiñaremos sempre da man das persoas maiores e das entidades que traballan en prol do seu benestar. O obxectivo tanto do Concello como destas entidades é claro: avanzar na procura da súa integración activa, loitando polos seus dereitos ao lecer, á formación, á cultura… Tamén á práctica de actividades físicas e deportivas que garantan a súa participación activa na vida económica, social, cultural e política de Soutomaior”.