viernes, septiembre 27, 2024
InicioNewsActualidadeTui reforza a súa aposta formativa coa implantación do grao en Turismo...

Tui reforza a súa aposta formativa coa implantación do grao en Turismo na aula da UNED

O alcalde e o director da UNED Pontevedra asinaron hoxe o correspondente convenio. A matrícula está aberta até o 22 de outubro. Comezará xa a impartir os dous primeiros cursos

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o director do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Victor Manuel González Sánchez, formalizaron hoxe a sinatura dun convenio de colaboración que permitirá ampliar a oferta educativa da aula de Tui coa incorporación do Grao en Turismo. Este acordo supón un paso importante para fortalecer a formación académica na cidade, aliñándose coa vocación turística de Tui, clave no desenvolvemento económico e cultural local.


No acto participaron tamén a concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, o responsable dos cursos de Extensión Universitaria no Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Rafael Cotelo, e a coordinadora da Aula de Tui, Minerva Ojeda.


Tras a sinatura, o alcalde, Enrique Cabaleiro, explicou que viñan traballando dende hai tempo para ampliar a oferta formativa da aula tudense da UNED, o que é agora unha realidade co Grao en Turismo que comezará a impartirse este mesmo curso tendo en conta que “o turismo é unha das principais fontes de dinamización da cidade” engadindo que “é sumamente importante achegar ao territorio este elemento formativo”.

Agradecía o rexedor tudense á UNED o seu compromiso coa cidade, e reafirmaba o compromiso da institución municipal coa Universidade de Educación a Distancia. Nese senso Enrique Cabaleiro destacou “o compromiso claro coa Educación coma se plasma nos orzamentos municipais” tanto no que a mantemento das instalacións educativas coma noutros eidos coma a aula universitaria tudense. Animaba, Enrique Cabaleiro, a participar nas actividades formativas que ofrece a UNED en Tui.


O director do Centro Asociado da UNED de Pontevedra, Víctor Manuel González Sánchez, agradeceu o compromiso do Concello coa UNED. Sinalou que tras 15 anos na cidade consideraron que era o momento de afianzar a relación e ampliar a oferta, de aí a incorporación do Grao en Turismo, que comezará xa co 1º e 2º curso desta titulación. Avanzaba que implantar estes estudos brindará tamén a oportunidade de levar a cabo outras accións formativas vinculadas ao turismo.


A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, destacaba que a aula tudense está máis que consolidada acollendo cada ano cursos de extensión universitaria máis interesantes. Engadía a edil que a educación é algo prioritario para o concello de aí a importancia de que “a UNED siga en Tui e siga crecendo e ter cada vez máis alumnado”.


A matrícula na UNED está aberta até o próximo 22 de outubro. As clases oficialmente comezarán o próximo luns 30 de setembro. Este novo grao súmase ao Grao en Psicoloxía, que xa se imparte na aula tudense da UNED, reforzando así a oferta académica. Ademais, cómpre destacar a ampla programación de cursos de extensión universitaria, nos que no ano pasado participaron 2 mil alumnos e alumnas.


O anuncio deste novo grao coincide coa véspera do Día Mundial de Turismo que se celebra este venres 27 de setembro.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS