O BNG defendeu na comisión parlamentaria de Sanidade unha proposición non de lei para que a Xunta incremente o investimento público nas prestacións dirixidas a familias con menores ao seu cargo en risco de pobreza e exclusión social. Solicita a especial atención ás familias monoparentais e ás numerosas, coa creación do Rexistro de Familias Monoparentais.
A deputada Ariadna Fernández tamén propuxo na iniciativa que o Executivo galego cree un paquete de medidas urxente. Os seus obxectivos serían reducir na medida do posible a porcentaxe de familias e menores en pobreza severa, cuxa privación material sexa grave. Outra finalidade sería a recuperación da Tarxeta Básica, evitando o aumento das familias en risco de pobreza e exclusión social e a taxa de pobreza. Esta última medida favorecería ao comercio local nas compras derivadas da tarxeta sempre que resulte posible.
De igual xeito, avogou por ampliar o parque residencial público do País, que leva estancado anos e non ofrece as vivendas necesarias para paliar o risco de pobreza. Isto favorece o acceso ao Ingreso Mínimo Vital (IMV) da poboación galega en risco de pobreza ou que xa a sofre. Na actualidade, só chega ao 11% deste colectivo.