sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsComarcasCabo Silleiro acolleu a celebración do Día Mundial do Turismo

Cabo Silleiro acolleu a celebración do Día Mundial do Turismo

Nava Castro, deputada de Turismo, fixo balance dos resultados turísticos do pasado verán, onde a provincia de Pontevedra recibiu preto do 40% dos visitantes que chegaron a Galicia, cunha ocupación un 4% superior á de 2023

A Deputación de Pontevedra adiantou a celebración do Día Mundial do Turismo, xa que a data oficial é o 27 de setembro. A razón deste cambio foi a visita a Cabo Silleiro, o lugar escollido para facer balance dos datos turísticos do verán do 2024 que sitúan a provincia de Pontevedra como o destino líder de Galicia.

“Turismo e paz” é o lema escollido pola Organización Mundial do Turismo para celebrar este 2024 esta efeméride e, por este motivo, a Deputación escolleu como escenario o faro de Cabo Silleiro, “un antigo lugar de guerra hoxe reconvertido nun recurso turístico de primeira orde onde atopar paz”, destacou a deputada, Nava Castro.

Dende a entidade provincial destacaron a importancia de celebrar unha data coma esta “para concienciar sobre o valor desta actividade económica, que transcende ao social, cultural e mesmo político”.

A provincia de Pontevedra líder entre os destinos turísticos galegos

Nava Castro tamén aproveitou a ocasión para facer balance dos resultados turísticos do pasado verán proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que situaron a provincia como líder do ranking de destinos turísticos galegos.

Deste xeito, Pontevedra recibiu preto do 40% dos visitantes que acudiron a Galicia, catro de cada dez, sendo, principalmente, persoas procedentes do territorio nacional (71%). Ademais, destaca que a ocupación media foi un 4% superior á rexistrada no verán do 2023, “situándonos na cabeza dos destinos galegos, por riba da Costa da Morte, as Rías Altas e a Mariña lucense” declaraba a deputada.

Tamén recordou que as oficinas da rede Info Rías Baixas atenderon a máis de 250.000 persoas durante o verán, o que supón un incremento do 25% con respecto ao ano anterior.

No que respecta ao mes de agosto, tal e como informou a deputada provincial, a provincia recibiu ao 38% dos visitantes que chegaron a Galicia, cun total de 293.000 visitantes que supoñen un 12% máis que no mesmo mes de 2023. No caso deste mes, tal e como detalla o INE, a ocupación media superou o 75,5% e aumentou case un 5% con respecto a agosto de 2023.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS