sábado, septiembre 28, 2024
InicioNewsActualidadePonteareas aproba o plan municipal de prevención e defensa contra os indencios...

Ponteareas aproba o plan municipal de prevención e defensa contra os indencios forestais

O plan determina a xestión da biomasa e a delimitación de faixas de protección para zonas poboadas

O Concello vén de aprobar, mediante decreto, o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais. O plan foi elaborado pola empresa pública SEAGA grazas ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O Plan ten como obxectivo levar a cabo diferentes accións preventivas, en primeira instancia, para a organización e xestión da biomasa en zonas estratéxicas especialmente aquelas declaradas de alto risco de incendio así como faixas exteriores de protección de zonas poboadas. O documento inclúe unha relación de parcelas afectadas, coa referencia catastral, e a superficie total e afectada en m2.

Para elo define as redes secundarias nunha franxa de 50 metros perimetrais ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, máis as faixas arredor das edificacións destinadas a depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte e arredor das edificacións illadas destinadas ás persoas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

Segundo a concelleira de medio Ambiente, Silvia Fernández, “o plan é unha ordenación do territorio no que se indica que parcelas a menos de 50 metros de edificacións deben manterse limpas de maleza e de especies prohibidas que lembramos que son piñeiro, eucalipto e acacia”.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro, recalca que “é responsabilidade de cada persoa propietaria manter as súas fincas limpas polo ben de todos a fin de evitar perigos de incendio”.

A afectación de parcelas pode consultarse presencialmente no Concello, en breve na web e na web da Xunta de Galicia: https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/

O informe sinala que, segundo os datos obtidos no Plan de Emerxencia por Incendios Forestais de Galicia (PEIFOGA), o Índice de Risco Potencial é alto polo que se pasa a declarar o termo municipal como Zona de Alto Risco dentro do Distrito Forestal XVII O Condado – A Paradanta cunha extensión de preto de 126 km2, e presta especial atención aos espazos poboados máis aqueles naturais protexidos como as Zonas Especiais de Conservación, a Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, e a Rede Natura, os tres na contorna do Río Tea.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS