jueves, noviembre 28, 2024
InicioNewsActualidadeRebeliom do Inframundo e ZUR2DJ, colofóns da Summerson Jam do Porriño

Rebeliom do Inframundo e ZUR2DJ, colofóns da Summerson Jam do Porriño

A batalla de danza do sábado 28 comezará ás 11 h da mañá na praza do Arquitecto Antonio Palacios, e despois da entrega de premios, cara ás 22:30 h comezarán os concertos

Dentro da programación das Festas do Cristo, Maison Música e Danza organiza xunto co Concello do Porriño o SummerSon Jam, un concurso de batallas de bailes de todos os estilos que amenizarán aos locais e visitantes na praza do Arquitecto Antonio Palacios durante toda a xornada do sábado 28, a partir das 11 h. Xa pola noite, a veciñanza poderá gozar das actuacións de Rebeliom do Inframundo e Zur2djs, que pecharán o SummerSon Jam.


O rap de Rebeliom do Inframundo
O grupo de Ponteareas, formado actualmente por Nervo (MC), Malvares de Moscoso (MC), Frank (MC/Produtor), Movementss (Produtor) e Pol (DJ), naceu no ano 2005. En estes case 20 anos e distintos paróns e cambios de compoñentes, o grupo ten publicados catro discos: A Sorpresa (2012), Lume e Rebeliom (2016), Ilegal (2019), e Amor ou barbarie (2023), un traballo que contou con colaboracións como as de Wöyza, Hard GZ, Iria Medraño ou Treintañeras cañeras.

Rebellion do Inframundo foi Premio Martín Códax da Música no ano 2022.


Zur2djs, os DJs que pinchan música galega

Os compoñentes, Yago e Diego Fernández, son dous irmáns veciños de Torneiros que pinchan música alternativa de rap, rock, ska, ademais de música en galego de grupos actuais e música máis tradicional. O seu repertorio inclúe unha grande porcentaxe de música en galego e buscan unha alternativa como DJs enfocándose ao máis tradicional.


“O pinchar na praza do Arquitecto Antonio Palacios, no noso Concello, coa nosa xente, e antes e despois dun grupo tan relevante como Rebeliom, é unha gran oportunidade para nós, unha gran ledicia”, afirma Yago. “Encántanos poder formar parte por primeira vez das Festas do Cristo”, conclúe o DJ.


SummerSon jam, a competición de baile 2vs2
Trátase dun encontro de baile de 2 contra 2, baseado nos bailes urbanos, HipHop e BreakDance. Unha competición que amosa o traballo en equipo e a cooperación, a destreza, a disciplina, o esforzo e o afán de superación.


Este evento naceu no 2015 da man da Escola de Música e Danza Maison do Porriño, ano no que competiron 16 parellas. Na edición do 2023 xa se contou coa participación de 36 parellas e preto de 1.200 persoas asistentes.


Este ano celébrase a VII edición, con batallas de baile de todos os estilos, divididas en dúas categorías: Beginners, que actuarán pola mañá; e Avanzados, que o farán a partir das 16h. Haberá 2.500 euros en premios para os tres gañadores de cada categoría. Deste xeito, as parellas Beginners recibirán 250€, 150€ e 100€, para as primeiras, segundas e terceiras
clasificadas respectivamente. As tres primeiras parellas clasificadas da categoría Avanzados levaranse 1.200€, 500€ e 300€.


Só poderán participar aquelas parellas que se inscriban previamente e teñan pagado pola súa praza: 5€/parella de Beginners e 10€/parella de Avanzados. Para máis información e inscricións, pódese contactar directamente no email reviravoltaproducions@gmail.com ou no teléfono 600 304 056.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS