A praza do Arquitecto Antonio Palacios recreou a celebración do domingo co pregón de membros de DisCamino, que percorreron o tramo Tui-O Porriño do Camiño de Santiago en bicicleta
Esta tarde tivo lugar a presentación da XXXI Festas dos Callos do Porriño que terá lugar o vindeiro domingo e está organizada por ACIPOR (Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño) e AHOSPOR (Asociación de Hostaleiros do Porriño) en colaboración da Concellería de Cultura. Como cada ano, a Festa dos Callos é o peche de ouro das Festas do Cristo.
A presentación desta edición estivo a cargo de membros da asociación DisCamino, que fixeron previamente o tramo do Camiño de Santiago Tui-Porriño en bicicleta. Paula, Ismael, Paco, Laura Diego, Ana -campioa do mundo de slalom en cadeira de rodas e trece veces campioa de España- cos seus copilotos e por suposto, Siti, a cadeliña do grupo que sempre os acompaña nos tramos, culminaron o tramo na praza do Arquitecto Antonio Palacios. O alcalde, Alejandro Lorenzo, sumouse ao grupo e completou o camiño con Bea como copiloto. A entrada no Porriño foi entre aplausos de ánimo e de admiración. Centos de veciños os agardaban aos pés do concello para escoitar o seu pregón e degustar xunto con eles/as unhas racións de callos.
Entre a veciñanza estaban para recibilos a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a Directora Xeral de Xuventude, Lara Meneses, os deputados provinciais Isabel Couselo e Javier Tourís, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Silvestre Balseiros e o deputado autonómico, Julio Comesaña.
“Nunca lle digades a ninguén que non pode, nin deixedes que ninguén llo diga, pero, sobre todo, non permitades que ninguén pense iso de si mesmo” Esta mensaxe de Javier Pitillas resume moi ben a labor de DisCamino, unha asociación que leva 15 anos facendo posible que 633 persoas con discapacidade teñan percorrido o Camiño de Santiago, ademais doutros camiños, como a volta á Península do ano pasado. Pitillas insiste na empatía e unidade do grupo, no que “tanto disfruta o guía como o que se deixa guiar” e anima a divulgar o labor da asociación para que ninguén se quede sen facer o Camiño de Santiago.
“Os pilotos de DisCamino asegurámosvos que si axudades a alguén que necesite os vosos ollos ou as vosas mans, recibiredes 100 veces máis do que entreguedes e, seguramente, desde ese intre cambiedes a forma de ver a vida”, rematou Javier convidando a todo o mundo a disfrutar este domingo dunha boa ración de callos no Porriño.
Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, reiterou a súa “profunda admiración por todos e cada un de vós, e pola importante mensaxe que compartides co mundo en cada pedalada. Sodes esperanza e empuxe”. O rexedor, rematou anunciando que “o Concello do Porriño conseguirá dúas bicicletas para vós, para que cando viaxedes sintades o enorme cariño dun pobo que vos quere”
XXXI Festa dos Callos
Como non podía ser doutra maneira, a propia presentación foi unha representación en pequena escala da Festa dos Callos do domingo, na que os asistentes poideron gozar dunha degustación do prato preparado polos alumnos-traballadores do Obradoiro de Emprego.
O vindeiro domingo trinta locais do Porriño ofrecerán racións de callos a partir das 12:00 h, con pan e cazola por 7€, cada un coa súa propia receita e o seu toque especial, e incluso con opcións veganas.
Os callos poderánse degustar en: A Francachela, Amaquía, A Vinoteca, Argentino 2, Bar La Guía, Bolboreta Café, Casa di Mili, Churrasquería Pontenova, Cólleo con Pinzas, El Alambre del Abuelo, El Pincho, El Cincuentaicinco, Hamburguesería Fran, Hotel Parque, La Bendecida, La Bici, La Cueva, Liceum, Los Milagros, Maracaibo, Nómadas, Origen, Paso a Nivel, Restaurante Val da Louriña, Saspi, Scala, The Classic Coffe&Beer, Treinta y Tau, Xantar de Pepa e Zentral.