O Concello das Neves celebrou onte unha reunión informativa coas comunidades de montes afectadas pola posible reactivación do parque eólico Coto dos Lobos proxectada no monte Sanomedio. O encontro foi organizado polo alcalde José Manuel Alfonso co asesoramento de Víctor Bouzas, representante da empresa TYSGAL Medio. Esta reunión contou coa participación dos representantes das Comunidades de Montes Veciñais en man común (CMVMC) de San Pedro de Batalláns, Taboexa, Rubiós, San Xosé e Santiago de Ribarteme, as máis impactadas pola posible construción do parque. Tanto o concello das Neves como os asistentes ao acto manifestaron o seu rexeitamento ao proxecto.
Víctor Bouzas, experto en temas ambientais e urbanísticos, detallou o proceso administrativo necesario para a implantación dun parque eólico, así como as posibles accións que as comunidades e residentes poden emprender para opoñerse á súa construción. Pola súa banda, o alcalde subliñou que a principal prioridade do Concello é protexer os intereses dos veciños e garantir que, se o proxecto chega a executarse, fágao con todas as garantías e minimizando o impacto sobre o territorio. Para iso, contarase con asesoría especializada na materia, co fin de elaborar un informe técnico exhaustivo que avalíe a viabilidade do proxecto e as súas posibles repercusións, e que sirva como base para solicitar a súa paralización.
Entre os asistentes atopábase tamén Erundina Louro, presidenta da comunidade de montes de Antas (Concello da Lama), quen compartiu a súa experiencia na xestión dunha CMVMC afectada por varios parques eólicos. Finalmente, José Manuel Alfonso reiterou o seu compromiso de manter informadas as comunidades de montes e aos veciños sobre calquera avance relacionado co proxecto.