A persoa investigada podería enfrontarse a delitos de falsificación de documento público e de intrusismo profesional
O Equipo EBIO da Garda Civil de Caldas, xunto co SEPRONA de Vilagarcia, atópanse en plena investigación tras as denuncias a unha persoa que se facía pasar por veterinario e realizaba labores de vacinación. Por isto, atribúeselle delitos de falsificación de documento e tamén de intrusismo profesional.
A investigación iniciouse tras a denuncia dun veterinario colexiado da comarca do Umia. Este dá a voz de alarma ao atopar cartillas de vacinación de cánidos, onde se observan o seu selo, os datos de colexiado e unha firma. Toda esta documentación estaba a ser falsificada e utilizada para realizar labores veterinarias por outra persoa.
Tras diferentes pescudas, conseguiuse identificar ao falso veterinario. Trátase dun home de 55 anos e veciño da Estrada, que xa contaba con antecedentes policiais por outro tipo de feitos.
O veciño da Estrada rexentaba unha tenda de venda de animais en Ames, preto de Santiago de Compostela. Neste lugar, levaba a cabo a vacinación dos animais sen ter a titulación necesaria para exercer como veterinario.
As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Garda de Santiago de Compostela (A Coruña), onde comparecerá o investigado.