Será necesario presentar un certificado COVID-19 para entrar ao interior dos locais da hostalería e da restauración destes municipios e o ocio nocturno límitase a só á metade da capacidade e só nas terrazas
O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na pandemia da COVID-19 acorda elevar a seis municipios de Galicia ata o nivel máximo de restricións: Baiona, Muros, Monterroso, Burela, Viveiro e Foz. Isto implica que, a partir da noite do venres para o sábado 31 de xullo, será obligatorio presentar un certificado para acceder ao interior dos locais da hostalería e da resturación destas localidades. Así, a clientela deberá amosar unha proba negativa en coronavirus ou un certificado de vacinación coa pauta completa ou ben un certificado de ter superada a enfermidade con anterioridade. O ocio nocturno limítase a só a metade da capacidade e só nas terrazas.
Amáis, no nivel máximo de restricións no que se situarán ao inicio da fin de semana Baiona, Muros, Monterroso, Burela, Viveiro e Foz e no que continúan Sanxenxo Boiro, O Barco, Cambados, Meaño e O Grove os aforamentos do sector da hostalería e da restauración redúcese ao 30% da capacidade no interior dos locais, nos que a clientela deberá acreditar a inmunidade cun certificado COVID, e dun 50% no exterior. As reunións entre persoas non conviventes quedarán prohibidas entre a 01:00 horas e as 06:00 horas.
Neste contexto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou en conferencia de prensa que a Xunta e os Colexios de Farmacéuticos de Galicia veñen de asinar un acordo para que as oficinas de farmacia adheridas poidan acreditar a validez dos resultados dos test de autodiagnóstico e integrar os seus resultados nos rexistros do sistema público de saúde. Un convenio de colaboración que, segunduo explicou Comesaña, «permitirá que as farmacias expidan documentos acreditativos de resultado negativo cando a toma da mostra se faga na propia oficina, e baixo o asesoramento do persoal farmacéutico» e que estes documentos, «serán expedidos de balde, e terán validez para seren presentados naquelas actividades restrinxidas dentro da comunidade galega que requiren acreditar un resultado negativo de proba diagnóstica para o seu acceso».
No caso de que se opte por realizar as probas noutro lugar distinto ás oficinas de farmacia, o documento non terá validez ao non poderse acreditar nin a identidade da persoas, nin o procedemento da toma de mostra. Con todo, as persoas que realicen un test no seu domicilio, ou noutro lugar, terán habilitado un circuíto directo a través do teléfono 900 400 116, no que se poderá poñer en coñecemento un resultado positivo, para incorporar os datos aos rexistros do sistema público de saúde. Deste xeito, solicitarase directamente a realización da pertinente proba PCR ou a atención sanitaria no caso de presentar síntomas. Así, evítase a necesidade de chamar ou acudir aos centros de saúde para solicitar a realización desta proba.