Galicia converterase na capital mundial da maxia do 3 ao 20 de outubro coa terceira edición do Festival Galicia Ilusiona, que se celebrará co apoio da Xunta de Galicia. Así o anunciou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na presentación desta iniciativa que, como dixo “encherá a oferta turística urbana do outono con sesións de maxia nas sete principais cidades de Galicia”.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou que se trata dun evento “que medra cada ano na calidade dos magos e ilusionistas nacionais e internacionais que participan e tamén no público que acode ás funcións”. Dani Polo e Pedro Bugarín foron os responsables de organizar os espectáculos de magos como Jerome Murat, Kimoon Do, Lore Lavand, Nestor Hato, Mago Murphy, Manolo Costa e Mindanguillo, e Ramó and Alegría.
Xose Merelles salientou que o éxito alcanzado nas dúas edicións previas con 70.000 espectadores “afianzan un evento que cada ano se consolida na axenda de Galicia como un foco de atracción de visitantes e afeccionados á maxia”. Neste punto, fixo referencia aos 30 países de procedencia do público que acodeu nos últimos anos. O director de Turismo de Galicia engadiu ademais que “este é precisamente o camiño que queremos seguir desde Turismo de Galicia” apostando por “significarnos e posicionarnos como sede de grandes eventos nacionais e internacionais”.
O Festival Mundial de Ilusionismo – Galicia Ilusiona comezará o vindeiro 3 e 4 de outubro en A Coruña, para continuar o 5 en Ourense; o 6 en Pontevedra; o 11 e o 12 en Santiago de Compostela; o 13 en Ferrol; o 18 en Lugo e finalmente, o 19 e 20 en Vigo. En total serán 20 sesións da maxia máis internacional. As entradas poden mercase aínda na web de Galicia Ilusiona.