domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsActualidadeTui reduce o desemprego a mínimos históricos grazas ao seu compromiso coa...

Tui reduce o desemprego a mínimos históricos grazas ao seu compromiso coa formación e o emprego

En agosto había 963 persoas desempregadas, a menor cifra da última década

O Concello de Tui rexistrou no mes de agosto unha cifra histórica no nivel de desemprego acadando o dato máis baixo da última década. Así pasou do 28,64% en 2014 ao 11,99% en 2024. Segundo os últimos datos, referidos ao mes de agosto, en Tui están inscritas nos servizos públicos de emprego 963 persoas.


A concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, amosa a súa satisfacción por este notable descenso do desemprego no municipio, destacando o bo resultado das políticas activas de emprego que se están impulsando dende o Concello.


Amosa Ana Núñez a súa preocupación polo feito de que 585 das 963 persoas desempregadas en Tui sexan mulleres, polo que explica que tanto na concelleira de Emprego, coma na de Igualdade, que dirixe, reducir esta cifra desemprego feminino está no centro das accións, destacando o compromiso pola igualdade de oportunidades e a nclusión laboral.


Dende 2019 o Concello de Tui apostou por unha estratexia centrada na formación, a orientación e o acompañamento laboral personalizado, adaptando a oferta formativa ás demandas do mercado, mellorando deste xeito a empregabilidade da veciñanza tudense.

Así impulsouse o Servizo de Orientación Municipal, dando cumprimento á estratexia desenvolvida pola área de Formación e Emprego. Amais tense traballado estreitamente co tecido empresarial local para fomentar a contratación directa, logrando máis de 250 insercións laborais nos últimos dous anos.

Por outra parte realizáronse accións formativas en sectores coma a hostalería, o comercio ou a industria, impartíndose cursos para a obtención de certificados de profesionalidade en sectores con alta demanda no mercado laboral coma limpeza industrial, forestais, carpinteiría, canteiría ou atención sociosanitaria.


Amais, realizáronse formacións transversais en novas tecnoloxías, idiomas ou habilidades sociais. As políticas de emprego tamén puxeron especial atención en colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, coma xoves, maiores de 45 anos e desempregados de longa duración.


A concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, destaca que “este descenso no desemprego é resultado do esforzo continuo por mellorar a empregabilidade da veciñanza”. Engade que “aínda seguimos enfrontando retos, sobre todo na empregabilidade feminina, estamos comprometidos en seguir avanzando con programas que promovan a inserción laboral, o emprendemento e a colaboración coas empresas locais”.


Pola súa banda o alcalde, Enrique Cabaleiro, destaca que “estes resultados son froito do traballo continuo e o do compromiso do Concello de Tui coa creación de emprego de calidade e a mellora da empregabilidade dos e das tudenses”. Tamén sinala a importancia de manter e reforzar estas políticas para “seguir reducindo o desemprego e consolidar a Tui coma un referente na xeración de oportunidades laborais”.


Avanzan tanto o alcalde coma a concelleira de Formación e Emprego que o Concello de Tui continuará traballando da man de empresas, entidades, e cidadanía para manter esta tendencia positiva e seguir desenvolvendo iniciativas que promovan un emprego estable e de calidade para todos e todas as tudenses.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS