Suporá unha formación teórica e práctica remunerada en albanelería e carpintaría para 20 persoas desempregadas
O Concello do Rosal e o de Tomiño, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, poñen en marcha ‘O noso patrimonio – Obradoiro de Emprego Roteiros etnográficos O Rosal – Tomiño’, un proxecto que formará a 20 persoas desempregadas en traballos relacionados coa recuperación patrimonial a través da carpintaría e da albanelería.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e a de Tomiño, Sandra González, destacan que se trata “dunha iniciativa que combina formación e traballo práctico para crear oportunidades laborais no rural arredor da nosa riqueza patrimonial, bens que debemos coidar e restaurar» e explicaron que «este obradoiro de emprego permite a través dunha formación totalmente gratuíta xerar novas oportunidades, mellorando as habilidades da nosa veciñanza para acceder ao mercado laboral”.
Durante 9 meses, os participantes mellorarán a súa cualificación no ámbito da albanelería ou da carpintaría de madeira. Os alumnos estarán titorizados en todo momento por persoal especializado e ademais, o curso estará remunerado para todos.
Desta forma, un total 12 persoas poderán realizar un curso teórico práctico de máis de 1.200 horas no sector da albanelería, mentres que outras 8 persoas recibirán outras tantas horas de formación en diferentes aspectos da carpintaría.
As sesións formativas comezarán en decembro
As sesións formativas comezarán o 2 de decembro no centro de formación da Mata, no Rosal, mentres que as prácticas se desenvolverán en diferentes lugares de interese patrimonial dos dous municipios.
Levaránse a cabo actuacións nos muíños do Folón e do Picón e no Camiño de San Vicente, Cruz da Portela e Portecelo no Rosal, mentres que en Tomiño centraranse en elementos patrimoniais situados en Goián.
As persoas interesadas en participar deberán estar inscritas como demandantes de emprego na Oficina do Servizo de Emprego de Tui na «Especialidade EOCB0109 Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e na Especialidade MAMD0209 traballos de carpintería e moble».
Non é preciso experiencia previa no sector e será o Servizo de Emprego o encargado de facilitar aos concellos unha primeira selección das persoas que participarán.