Os nacionalistas urxen medidas para axilizar a detección e a redución do impacto das recorrentes verteduras, a última este domingo na contorna da Avenida de Madrid
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo chama a reforzar as medidas de control no río Lagares ante os continuos vertidos ilegais no seu curso fluvial.
Ante a aparición de augas xabonosas este domingo na contorna da Avenida de Madrid, a fronte nacionalista insiste na urxencia de que o Goberno local despregue medidas para axilizar a detección e a redución do impacto das recorrentes verteduras.
A este respecto, reiterou a proposta da posta en marcha dun sistema de telecontrol para comprobar en tempo real os cambios na calidade da auga e facilitar a identificación da orixe das verteduras, similar ao existente dende o ano 2006 pero inoperativo na actualidade por “falla de mantemento”.
Igrexas pediu ademais intensificar as inspeccións por parte da concellería de Medio Ambiente naqueles puntos onde se producen de forma recorrentes vertidos potencialmente contaminantes. Segundo o portavoz municipal do BNG, trátanse de “lugares de sobra coñecidos por parte do Concello, ligados en moitos casos a industrias instaladas nas proximidades do propio río”.
Nesa mesma liña, o portavoz do Bloque Nacionalista Galego tamén demandou poñer fin ao vertido de millóns de litros de augas sen depurar que se repiten cada ano a consecuencia dos chamados «alivios técnicos» desde a estación depuradora do Lagares e outros puntos da cidade.
“É necesario que o Concello mobilice máis medios materiais e humanos para evitar que o Lagares continúe a ser utilizado como unha grande cloaca”, reclamou o portavoz municipal do BNG
Portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego en Vigo, Xabier P. Igrexas