O concerto forma parte do programa +Música da Deputación de Pontevedra e serve de peche ás actuacións programadas pola institución provincial
A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Lontreira que se celebrará este sábado 21 de setembro a partir das 23:00 horas na Praza do Regueiro da Illa de Arousa.
Lontreira é a formación de Adriana Cores, Héctor Rodríguez e Iván Barral con raíces na Illa de Arousa e berce en Vigo.
Na súa breve traxectoria, Lontreira acumula un gran número de méritos como conseguir ser a canción do verán de Galicia co seu tema ‘Corazón de toxo’, estar entre os finalistas na categoría de grupo emerxente nos Premios Martín Codax da Música ou a súa selección para participar na edición do 2023 do Festival MUMI.
A súa proposta electrónica intercala cancións e poemas en galego e vese reflexada, polo de agora, no seu primeiro álbum, ‘Apnea’ (2023), con temas como os populares ‘Campo da festa’ ou ‘A fonte’ que capturan a esencia da cultura e o medio natural galegos.
O concerto de Lontreira forma parte da programación do Festival da Mocidade da Illa de Arousa e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco do programa provincial. A actuación de Lontreira, así como a de Milladoiro tamén o sábado 21 de setembro no Porriño, son as últimas da actual edición do programa.