martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsA RaiaRecomendacións para a veciñanza tras a chegada do fume dos incendios do...

Recomendacións para a veciñanza tras a chegada do fume dos incendios do norte de Portugal

A Xunta de Galicia remitiu á cidadanía algúns consellos como evitar a práctica de actividades ao aire libre ou pechar portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios

Ante a presenza de partículas de po en suspensión procedentes do fume dos incendios de Portugal, que pode producir efectos adversos na saúde, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, fixo públicas unha serie de recomendacións para a cidadanía.

Algunhas das principais recomendacións son:

  • Non practicar actividades ao aire libre, sobre todo exercicio intenso
  • Pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios
  • Manterse en ambientes húmidos e hidratarse

Estas son de especial importancia no seu cumplimento para aquela poboación que pode ser máis sensible.

Rías Baixas e oeste da provincia da Coruña, as zonas co nivel de partículas no aire máis elevado

A situación actual e a localización dentro da xeografía galega do nivel e tamaño das partículas que determinan a perigosidade no aire, así como a predición da posible chegada nos próximos días pódese consultar dende MeteoGalicia.

Aquí, pódese comprobar que existe un nivel elevado de partículas na zona das Rías Baixas e no oeste da provincia da Coruña, debido ao fume dos incendios que están acontecer no norte de Portugal.

Ademais, dende MeteoGalicia anuncia que se espera a intrusión de masas de aire africano polo que os niveis de partículas poderán verse incrementados.

A poboación que pode verse máis afectada pola mala calidade do aire, debido ao empeoramento da situación son as persoas con enfermidades cardiocirculatorias ou pulmonares, principalmente asma ou EPOC, os anciáns, nenos e embarazadas.

En caso de empeorar os síntomas respiratorios, deberase consultar cos profesionais sanitarios ou chamar ao 061.

Así o explicaban dende a Consellería de Sanidade da Xunta:

As previsións da calidade do aire de cara ao fin de semana

Os incendios forestais en Portugal liberaron xa o nivel máis alto de emisións de carbono para setembro en 22 anos, sinalou este xoves o Servizo de Vixilancia Atmosférica de Copernicus (CAMS).

As previsións de CAMS sobre a calidade do aire a escala mundial e rexional en Europa mostran que os penachos de fume orixinados por estes incendios forestais fóronse desprazando cara ao Atlántico, pero prevese que recirculen polo norte da Península Ibérica cara ao oeste de Francia nos próximos días.

A axencia sinala que as choivas previstas para o final da semana poden axudar a extinguir ou reducir o número de incendios.

En todo caso, espérase unha degradación significativa da calidade do aire sobre o norte de Portugal durante os próximos días como consecuencia destes incendios forestais.

Mark Parrington, científico principal do Servizo de Vixilancia da Atmosfera de Copernicus, afirmou que «os datos mostran un claro aumento das emisións dos incendios e dos efectos do fume na composición atmosférica e na calidade do aire, o que reflicte a gran intensidade que se desenvolveu rapidamente con estes devastadores incendios no norte de Portugal».

Os corpos de bombeiros e emerxencias de Portugal continúan este xoves co combate contra preto dun centenar de incendios localizados principalmente nas rexións centro e norte do país.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS