viernes, septiembre 20, 2024
InicioNewsA RaiaA colaboración entre Galicia e norte de Portugal, unha das claves para...

A colaboración entre Galicia e norte de Portugal, unha das claves para a xeración de riqueza e emprego

José González aludiu a acordos concretos como o que garante a actividade de coordinación do servizo de emprego Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, facilitando a mobilidade dos traballadores entre os dous lados da raia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, clausurou hoxe o 5º Encontro networking para empresarios de Galicia e norte de Portugal, centrado na reorganización da empresa familiar e celebrado en Tui.

Alí, puxo de relevo a colaboración transfronteiriza a prol da xeración de riqueza e emprego, ao tempo que agradeceu o labor da Cámara de Comercio de Tui, do Agrupamento Europeu de Interesse Económico Transfronteiriço (Mercatus) e da Confederação Empresarial do Alto Minho (Ceval) para seguir consolidando a cita que hoxe chega ao fin da súa quinta edición.

Buscan «consolidar a xa existente» actividade empresarial

No referido ao futuro das empresas familiares nas que se centraba o encontro, o conselleiro sinalou que o Goberno galego traballa para garantir o mantemento das empresas non só rendibles, senón tamén características e definitorias de cada contorna, cun Plan Remuda e axudas asociadas por 1,5 millóns de euros no seo da Rede de polos de emprendemento para financiar parte dos gastos de transmisión das empresas que funcionan e contribúen a dinamizar a economía e a fixar poboación.

Para darlle un pulo ao emprendemento, referiuse tamén ao Programa Ultreia Galicia, unha serie de encontros que arrancaron onte en Ourense e que chegarán este mes ao resto de provincias grazas á colaboración coas confederacións de empresarios. O obxectivo desta iniciativa é incentivar ás persoas emprendedoras e axentes do ecosistema a acadar o propósito de impulsar o seu camiño, axudando ás startups a encontrar financiamento e definindo retos en sectores estratéxicos.

Ademais de crear actividade empresarial, destacou González, cómpre consolidar a xa existente, e nesa liña aludiu a distintos campos de acción da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Unha serie de accións de especial relevancia nunha xornada coma a de hoxe, como a colaboración coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal para o desenvolvemento da actividade de coordinación do servizo de emprego Eures Transfronteirizo. Desta forma, facilítase a mobilidade dos traballadores entre as zonas dos dous lados da raia e responde ás necesidades de información nesta materia, tanto a persoas traballadoras como a empresarias.

Outras iniciativas para a promoción de emprego

A maiores, o titular de Emprego referiuse a cuestións como as microformacións orientadas ás necesidades do mercado laboral, a nivel xeral pero tamén con iniciativas concretas como os convenios de arraigamento para a formación, no marco dos cales José González defendeu unha inmigración ordenada e regular da man das empresas.

Sobre a Estratexia Retorna, o representante autonómico salientou as medidas a prol do emprendemento ou o Programa Retorna Cualifica Emprego para favorecer que os galegos do exterior volvan á súa terra con empregos estables e de calidade ofrecidos xa en orixe, para o que se organizarán feiras de captación de talento na Arxentina ou no Uruguai.

Por último, puxo en valor iniciativas novidosas como o proxecto piloto de coliving para atraer nómades dixitais e traballadores en remoto, con estadías temporais que xa se están a realizar para que estas persoas coñezan as vantaxes da Galicia non urbana e dean un xiro ás súas vidas e traxectorias profesionais asentándose no noso rural.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS