lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsComarcasVigo, Baiona, Nigrán, Gondomar, O Rosal e Tomiño soben ao nivel alto...

Vigo, Baiona, Nigrán, Gondomar, O Rosal e Tomiño soben ao nivel alto de restricións

Será necesario presentar un certificado sanitario para acceder ao interior dos locais da hostalería e da restauración e pecha o ocio nocturno.

O comité clínico que asesora á Xunta na pandemia da COVID-19 decide aumentar as restricións en Vigo, Nigrán, Gondomar, O Rosal e Tomiño. Rexerán nestes concellos da bisbarra, xunto a outros da comunidade galega, as medidas do nivel alto a partir do sábado 24 de xullo.

Deste xeito, ao inicio da fin de semana esixirase o certificado de vacinación completa, unha proba negativa en coronavirus realizada nas últimas 72 horas ou a acreditación de ter pasado a infección para acceder ao interior dos locais da hostalería e da restauración, quedando exentos os nenos e as nenas menores de 12 anos.  Sanidade actualiza os aforamentos dos diferentes niveis de restricións e no caso do alto, serán do 50% no interior e do 50% nas terrazas.

O ocio nocturno só está permitido nos municipios que se atopen no nivel de limitacións medio ou medio baixo polo que, dende a noite do venres para o sábado, este sector deberá pechar nas localidades de Vigo, Nigrán, O Rosal e Tomiño.Estes concellos das comarcas compartirán nivel alto de restricións, a partir do sábado 24 de xullo, con  Melide, Porto do Son, Carballo, Fisterra, Oleiros, Vimianzo, Arzúa e Ribeira; Burela, Viveiro, Cervo, Foz e Ribadeo;  Avión, Barbadás, Carballiño e Ourense e, Pontevedra, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Marín, e Poio.

En canto á limitación das xuntanzas entre persoas non conviventes,o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo,  destacou a solicitude ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia da autorización para esixir o control nas reunións, de xeito que se permitirán as de non conviventes de máximo 6 persoas en interiores e 10 en exteriores, ou ben de dous grupos de convivencia.

Núñez Feijóo aseverou que “queremos evitar as reunións multitudinarias sen garantías que están tras un gran número de contaxios”, precisando que as reunións de non conviventes estarán prohibidas entre a unha e as seis da mañá no nivel máximo e alto e entre as tres e as seis para os niveis medio e medio-baixo.

Ao longo da rolda de prensa, o titular da Xunta recordou que as medidas que limitan dereitos fundamentais deben ser trasladadas para a súa ratificación ao TSXG, “polo que haberá que esperar a coñecer o seu posicionamento para que entren en vigor”, matizou, se ben subliñou que si entrarán en vigor o próximo sábado o resto das medidas relativas a aforos nos establecementos.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS