O domingo á mañá haberá unha nova visita guiada e continúan as Xornadas Gastronómicas do Bacallau
Esta fin de semana continúan avanzando as actividades do “Setembro xudeu en Tui” con novas ofertas que promoven o legado patrimonial e cultural que as comunidades xudías e criptoxudías teñen deixado na cidade así como o coñecemento da cultura sefardí.
O principal evento destas xornadas é o concerto de música sefardí a cargo do dúo Terra Sigilata co seu espectáculo “Las madres de Sepharad”. Celebrarase o domingo ás 20 h na igrexa de San Domingos.
Terra Sigilata é un dúo palentino formado no ano 2020, en plena pandemia. Estes dous irmáns, Ángel e Marimar Pozo Velasco, levaban nos escenarios dende había anos, con outras formacións musicais de repercusión internacional como Amalgama Folk ou Fusión y Cuenta Nueva. Debutan en 2023 co nome de Terra Sigilata” en diversos festivais palentinos, presentando de seguido o seu proxecto musical en Madrid.
Desde entón actuaron en multitude de localidades e festivais como Mozares Soa (festival da Trilla nas Merindades) ou no ciclo o xardín dos sentidos de Segovia no Palacio Quintanar e no ciclo 7 Pecados musicais de Palencia. Actualmente forman parte da produtora e promotora musical palentina “Enraigo” onde promocionan os seus diferentes espectáculos e grupos a nivel nacional e internacional.
Por outra banda, este domingo ás 11.30 h, na Portada da catedral tudense, comezará unha nova visita temática titulada “Presenzas xudías na catedral de Tui” a cargo de José Ramón Fernández, historiador da arte.
Cómpre lembrar tamén que ao longo do venres e do sábado os oito establecementos de hostalaría participantes nas “Xornadas gastronómicas sefardís: ruta de tapas de bacallau” seguirán ofertando as súas especialidades ao prezo de 2,00 euros. Os interesados poden retirar os seus “pasaportes” nos establecementos participantes ou na Oficina Municipal de Turismo, e con aqueles que teñan ao menos cinco selos e sexan entregados na Oficina de Turismo ata o 10 de outubro realizarase un sorteo de agasallos.
Participan nesta ruta de tapas do bacallau os seguintes establecementos:
- Vello Cabalo Furado (Seixas, 2) Boliños de bacallau con alioli
- Taperia O Albergue (Seixas, 6) Pan bao recheo de bacallau encebolado
- Cafeteria Entrehoras (Compostela, 6) Garavanzos con bacallau
- Parador de Tui (Avenida de Portugal, s/n) Cañita rechea de brandada de
bacallau e pemento do piquillo con vinagreta de canela e mel - Ideas Peregrinas (Porta da Pía, 1) Baguel de pan de sementes, bacallau
afumado e pemento do piquillo - Cociñarte (Martínez Padín, 8) Gratén de bacallau
- Santiamen (Cantón de Diomedes, 1) Bacallau á brasa sobre cama de broa
de milho - Puro Sabor (Ourense, 3) Empanadilla de bacallau
Tamén ao longo de todo o mes de setembro estará instalado na Praza doç Concello e diante da Oficina de Turismo o photocoll coa árbore, a imaxe escollida para a celebración das “Xornadas Europeas da Cultura Xudía” pola Red de Juderías de España, á que pertence este Concello de Tui dende o ano 2019.
Os participantes deberán facerse unha foto xunto á árbore, e subila a instagram etiquetando á conta da Red de Juderías @redjuderias, participando no sorteo de diversos agasallos.
Ana María Núñez Álvarez, concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, congratúlase do éxito de participación nas actividades ata agora realizadas e anima a veciños e visitantes a participar nestas actividades do “Setembro xudeu en Tui” nesta fin de semana do 20 a 22 de setembro.
A concelleira tudense lembra que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).